Site icon Crónica3.com A Mariña

Continúa en Viveiro a campaña “Ti tes a chave” sobre o uso dos novos colectores marróns

O punto de información no que se fará entrega das chaves necesarias para empregalo e outros materiais estará ao longo dos meses seguintes en diferentes puntos do Concello

Viveiro, 15 de maio de 2024. A Tenencia de Alcaldía de Viveiro continúa coa campaña “Ti tes a chave”, que ten como obxectivo informar á veciñanza e ao tecido empresarial do municipio sobre o uso dos novos colectores marróns de residuos orgánicos.

O día de mañá, xoves 16 de maio, volverá haber un posto de información en Covas, ubicado á altura do supermercado Masymas, en horario de 10:30 a 13:30.

Nos meses seguintes será instalado en diferentes localizacións de todo o municipio, sempre co mesmo horario, como se anuncia nas redes sociais do Concello.

Os colectores marróns, dedicados exclusivamente á recollida de residuos orgánicos, xa están instalados nas rúas do concello. Estes novos depósitos teñen a particularidade de estar pechados, coa finalidade de garantir a correcta separación de residuos de xeito paralelo á concienciación da veciñanza.

As chaves necesarias para facer uso deste contedor serán entregadas no posto de información xunto cun caldeiro de 10 litros, bolsas compostables e un folleto informativo sobre o bo uso do colector.

Os residuos que deben ir no colector marrón son: os restos de froita, verdura, carne e peixe, conchas de mariscos ou froitos secos, restos de pan, café, infusións, papel de cocina, restos de plantas, cortizas e, en definitiva, calquera resto orgánico.

Pola contra, os residuos que nunca se deben depositar neste contedor son os envases, cueiros, compresas, bastonciños dos oídos, plásticos e calquera outro tipo de residuos non orgánicos.

Exit mobile version