Foz, 20 de maio de 2024. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anuncia que este luns, día 20 de maio, comezaron os traballos preparatorios para a construción das rotondas de Cangas. O proxecto, aprobado en maio do ano 2023, ascende á cantidade de 720.875,65 euros, IVE incluído. As obras encádranse dentro do contrato de conservación e explotación de estradas do sector LU-02 do Ministerio de Transportes, licitado por tres anos de duración por un importe de 17,5 millóns de euros e adxudicado por 14,25 millóns á industrial MANTENIMIENTO DE INFRAESTRUCTURAS, S.A. (MATINSA) en febreiro deste ano 2024.
“Debo agradecerlle ao Ministerio de Transportes o compromiso con Foz. Con feitos, non con palabras. As reunións traducíronse en publicacións no BOE e as publicacións no BOE en obras, que comezaron este luns. O impulso de Isabel Pardo de Vera e o de compañeiros como César Mogo foi fundamental para que o proxecto das rotondas de Cangas sexa unha realidade. É unha obra que nos fai dar accesibilidade e seguridade, que é a nosa principal preocupación”, destaca o rexedor municipal.
Esta semana comezaron os traballos de replanteo topográficos previos ao inicio do movemento de terras e o alcalde achegouse para interesarse polos mesmos. “É evidente que o aumento da intensidade de tráfico no verán vai incidir nas obras, polo que a contrata está acelerando o proceso de inicio para traballar con intensidade durante o mes de xuño”, explica Fran Cajoto.
O alcalde engade que “as rotondas de Cangas veñen a solucionar os problemas de seguridade en dúas interseccións: o cruce da estrada da Costa N-642 coa estrada LU-162 a Ferreira do Valadouro, punto de concentración de accidentes e que tamén da acceso ao centro cívico e á igrexa de Cangas; e o cruce da estrada da Costa N-642 cos viais municipais aos barrios da Gralleira e Ribela, moi poboados e que teñen imposibilitado o xiro a esquerdas na estrada nacional”.