Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan en Cervo as obras para levar o saneamento á parroquia de Rúa

A obra abrangue unha extensión de máis dun quilómetro desde o Lugar da Granda ata o lugar do Pazo

Cervo, 10 de maio de 2024. O Concello de Cervo vén de comezar os traballos da primeira fase do saneamento da parroquia de Rúa, que supoñen un orzamento que supera os 300.000 euros (338.755 euros concretamente).

A rexedora, Dolores García Caramés, a concelleira de Obras, Mali Méndez, e o edil de Zona Rural, Adrián Arias, achegáronse ata a zona, acompañados do pedáneo Ramón Elemparte, e dos técnicos responsables da obra, para supervisar o inicio destes traballos que abranguen desde o Lugar da Granda ata o lugar do Pazo, máis dun quilómetro de rede de saneamento que dará servizo ás vivendas da zona, ao campo de fútbol e ao futuro pavillón proxectado.

O orzamento inclúe a construción dunha nova depuradora nos terreos cedidos pola Comunidade de Montes, a que será a sétima do termo municipal que complementará a rede de saneamento municipal formada na actualidade polas plantas depuradoras de Figueirido, A Senra, a de Cervo, a de San Ciprián, a de Trasbar e a de Castelo.

A actuación, tal e como explicaron, contempla a implantación dun sistema separativo de augas residuais e pluviais, coa construción de cunetas de formigón para canalizar as augas aos cursos naturais existentes na contorna ou a través da súa condución por tubaxes. Tamén se prevé dotar dun sistema público de abastecemento de auga a toda esta zona e contémplase a renovación integral da vía que une os citados núcleos de A Granda e O Pazo, e tamén na súa prolongación ata o lugar de Lombos, “coa intención de seguir a traballar na creación de espazos cada vez máis humanizados, cómodos e accesibles para a veciñanza no noso termo municipal, neste caso na nosa zona rural”, explicou a rexedora.

Caramés puxo de manifesto que se trata dunha actuación importante para a veciñanza desta parroquia, un primeiro paso que nos permitirá achegar esta infraestrutura esencial a toda a parroquia dotándoa dunha rede de saneamento necesaria para seguir a mellorar os servizos das nosas zonas rurais, neste caso da parroquia de Rúa.

Exit mobile version