Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan as Patronais de Burela, con 12 días de festa

A alcaldesa Carmela López sinala que “imos gozar en Burela dunha ampla programación chea de novidades, na que a nova Comisión de Festas se esforzou ao máximo, intentando dar o mellor para a súa vila”

Burela, 24 de maio de 2024. O Concello de Burela celebrará, entre os día de hoxe, venres 24 de maio, e 4 de xuño, as súas Festas Patronais na honra da Virxe do Carme e Xoán Bautista.

A alcaldesa Carmela López sinala que “imos gozar en Burela dunha ampla programación chea de novidades, na que a nova Comisión de Festas se esforzou ao máximo, intentando dar o mellor para a súa vila”.

“O Enduro Monte Castelo Burela únese á programación para facer as festas ainda máis atractivas nesta primeira fin de semana”, lembra a rexedora.

“Dende o Concello agardamos que estas festas sexan todo un éxito, desfrutado por igual por veciñanza e visitantes”, engade López.

Serán en total 12 días de actividades, que comezarán co Día da Baixada da Vila do Medio hoxe, 24 de maio. Ás 21:00 haberá misa e procesión dende a igrexa da Vila do Medio acompañada da Banda de Gaitas Dambara, e se inaugurará o alumeado festivo.

“Estreamos unha iluminación decorativa especial, un teito de guirnaldas na rúa Eijo Garay, pola que discorre parte da alfombra floral, para rematar nunha espectacular portada personalizada á entrada do porto”, destaca a concelleira de Festas, Patricia Eijo.

Eijo pon en valor “a alfombra floral que se leva facendo desde hai 31 anos por parte dos veciños e veciñas de Burela, e que nos emociona tanto no transcurso da procesión do sábado”. “Este ano estará adicada ao centenario da Confraría”, indica.

O 25 de maio será a quenda do comezo do Enduro Monte Castelo e mais do tradicional Pregón, que terá lugar ás 20:00 no auditorio da Casa da Cultura. A continuación, na Praza do Concello actuará o grupo Pantera Rosa.

O 26 de maio continuará o Enduro Monte Castelo, e celebrarase o Día Infantil, cunha festa a partir das 17:00 na praza da Mariña.

Nos días seguintes haberá diversas exhibicións deportivas, concertos, karaokes e moitas actividades máis.

Os días grandes comezarán o 1 de xuño co Día da Baixada ao Porto. Haberá pasarrúas e concertos dende as 12:00 ata a noite, que contará con verbena e cun espectáculo pirotécnico. A misa e a procesión serán a partir das 21:00 na igrexa de Santa María.

O 2 de xuño, Día da Procesión Marítima, a misa seguida de procesión terá lugar ás 12:00, e tamén haberá pasarrúas e concertos ao longo de todo o día.

O 3 de xuño ás 12:00 será a procesión de subida das imaxes ata a igrexa de Santa María, seguida posteriormente de sesión vermú e verbena, e o 4 de xuño será a ofrenda floral en homenaxe ás persoas que faleceron no mar, no porto ás 12:00.

“Como novidade teremos un punto violeta e un servizo de información móbil de prevención de conductas aditivas”, subliña a concelleira de Festas.

“Ademais, estamos a traballar para presentar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, de feito que se recoñeza o prestixio das nosas festas patronais”, conclúe Eijo.

Exit mobile version