Viveiro, 23 de maio de 2024. A tenenta de alcaldesa de Viveiro, Míriam Bermúdez, informa do comezo das obras para a instalación da auga no paseo fluvial, uns traballos que durarán algo máis dunha semana.
Unha vez instalada a auga, procederase ao baldeo para retirar o verdín, nunha primeira actuación de mantemento no paseo fluvial xunto coa reposición das madeiras danadas.
“Unha vez realizada esta actuación de baldeo, valorarase se procede a instalación dunha malla especial, que ofrece maior agarre evitando os esvaramentos”, engade Míriam Bermúdez.
A tenenta de alcaldesa de Viveiro lembra que só no último ano se investiron 23.000 euros en diferentes traballos de acondicionamento e mantemento no paseo fluvial. Entre as tarefas realizadas, houbo reparacións de carpintería, desbroces e podas.