Site icon Crónica3.com A Mariña

Charly, procedente de O Parrulo Ferrol, nova fichaxe do Pescados Rubén

Burela, 24 de maio, 2024. Carlos Cayado López (Charly C.), nado na Coruña en 2001, é a nova fichaxe do equipo masculino do Pescados Rubén Burela FS nesta tempada 23/24. Provinte de O Parrulo Ferrol, a nova promesa coruñesa poderá formar parte da plantilla de David Rial despois de pagar a cláusula de rescisión do seu contrato e obter a carta de liberdade para poder fichar polo equipo mariñán. O á coruñés, que xogou durante a tempada 22/23 no segundo equipo de O Parrulo e ocasionalmente no primeiro e durante a fase de ida desta tempada só no primeiro, provén do Sportsala Culleredo, onde empezou a xogar na tempada 21/22.

Novo pero moi prometedor, Charly C. será a nova achega para o equipo laranxa completando unha plantilla moi fresca e polivalente que continuará readaptandose para esta próxima tempada. Nesta entrevista feita en xaneiro, momento no que se comezan os trámites para a súa fichaxe, o xove xogador galego móstrase moi contento por poder incorporarse ao noso club, “O Burela é un dos clubs máis importantes a nivel galego de fútbol sala, e a calquera xogador gustaríalle ter esta oportunidade de poder xogar e de formar parte. O que máis me atrae é que é un equipo de Primeira División e da forma na que traballan, entre todos conseguirémolo. Tamén agradecer a confianza e interese de David en apostar por min a estas alturas da tempada”. Sobre a súa achega ao equipo, “Son un xogador que se deixa a pel na pista, con intensidade e velocidade axudarei xunto aos meus compañeiros para conseguir os obxectivos” e sobre o que espera aprender aquí, “Quero medrar como xogador, e estou seguro de que o conseguirei compartindo vestiario e pista con grandes profesionais”. Os seus obxectivos para esta tempada co equipo, “Este ano a liga está sendo moi rifada, pero debemos ir partido a partido dando o máximo de nós e traballando duro. Para así levar ao equipo onde se merece estar”. E unha mensaxe final á afección, “Que sigan animando e apoiando ao equipo porque entre todos conseguiremos os obxectivos do club e que se sintan orgullosos de todos os xogadores que defendemos esta camiseta”.

O presidente Laranxa, Manuel Blanco Fanego, confía plenamente nesta fichaxe, “é un xogador que xa coñecemos das categorías base de O Parrulo, onde xogou ata o de agora. Un mozo con moita proxección que xa demostrou a súa calidade durante toda a tempada pasada xogando en Segunda División e será un complemento ideal para que o noso equipo masculino poida estar o máis arriba posible. Outra fichaxe nova, na liña do noso equipo, vimos que demostra moitas ganas e ilusión en pista e esperamos que así o faga aquí tamén. Ás ordes do Míster, traballar, traballar e traballar, para conseguir minutos e achegar o máximo a un conxunto cada vez mellor equilibrado. Vai ser un punto importante para o noso ataque, fixo unha moi boa primeira volta no seu antigo equipo e ten por diante unha carreira moi prometedora, é un mozo moi polivalente e centrado.”

Exit mobile version