Isabel Rodríguez fixo fincapé na necesidade de que os afeccionados se sitúen en lugares seguros, respectando as medidas establecidas pola organización da proba, para que o evento se desenvolva con normalidade
Na xuntanza que acolleu este luns a Subdelegación do Goberno definiuse un amplo dispositivo por parte das Forzas e Corpos de Seguridade para garantir a seguridade durante a celebración da proba deportiva, que transcorrerá por 5 municipios da Mariña lucense. O seu labor comprenderá desde controlar a apertura e peche de cada tramo no horario establecido ata supervisar as vías de evacuación e previr infraccións e comportamentos que atenten contra a seguridade de pilotos e público.
Este sexto Rally da Mariña Lucense terá lugar os vindeiros 10, 11 e 12 de maio e transcorrerá polos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Ourol e O Vicedo. Neste 2024, esta é a cuarta proba do Campionato Galego de Rallyes de Asfalto, constando de catro treitos distintos, todos a doble pasada, cun total de 280,94 km, dos que 88,55 km son cronometrados.
No encontro participou o presidente da Escudaría Mix Rallye Sport, organizadora da carreira; Ignacio J. Dávila; así como da Garda Civil, Subsector de Tráfico, Policía Nacional, Xefatura provincial de Tráfico, Bombeiros e de Protección Civil, ademais de representantes dos concellos polos que discorrerá o rally, e da Xunta.