Jimena Domínguez García do CEIP Vista Alegre de Burela, Inés Suárez Capón do IES Enrique Muruais da Pontenova, Noa Digón Uría e Noa López Villares, as dúas do IES de Becerreá, foron as gañadoras docertame nas categorías 5º e 6º de Primaria, 1º e 2º da ESO, 3º e 4º da ESO e Bacharelato e Ciclos, respectivamente.
Os seus traballos foron elixidos entre as 148 ilustracións presentadas ao certame por parte de alumnas e alumnos de colexios e institutos das distintas comarcas, inspiradas no lema proposto para esta terceira edición da convocatoria “A Festa”, que convidaba a representar graficamente este concepto.
As autoras das obras gañadoras foron agasalladas cun Ipad con aplicacións de deseño gráfico e cun lote das máis recentes publicacións en galego de álbum, banda deseñada e novela gráfica.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro deu os parabéns ás premiadas e agradeceu a participación de todas as alumnas e alumnos que presentaron os seus traballos ao certame, así como do profesorado e das familias que oas alentaron e lembrou os obxectivos desta iniciativa, que, explicou, “ofrece un aliciente para que as alumnas e alumnos poñan en marcha a súa creatividade” e “pretende popularizar a obra de ilustradores e ilustradores galegos entre as xeracións máis novas”
O acto contou coa participación da escritora e editora Eva Mejuto, coordinadora do Salón do Libro Infantil de Pontevedra, que compartiu coas gañadoras as súas reflexións sobre as posibilidades que ofrece a ilustración como linguaxe artística, remarcando a creación como unha actividade netamente humana.
Obradoiros e charlas en centros educativos
O certame é parte dunha programación organizada pola Vicepresidencia da Deputación ao redor do Día da Ilustración en Galicia, que arrancou o pasado mes de xaneiro e que incluíu outras actividades vinculadas á creación gráfica en centros educativos da provincia, como obradoirois de fanzine a cargo de 7H Cooperativa Cultural en colexios de primaria (CEIP Terra Chá, de Vilalba; CPI Dr. López Suárez, de Friol; CPI de Castroverde, CEIP Santa María, da Fonsagrada; CEIP Concepción López Rey, de Baleira; CEIP Virxe da Luz, de Portomarín, CPI de Cervantes e CEIP de Albeiros en Lugo) e charlas coloquio da man da ilustradora lucense Rebeca Losada en institutos de secundaria ( IES de Becerreá, IES Pedregal de Irimia de Meira, IES Lucus Augusti de Lugo) e no Escola da Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón (Lugo).