Fran Cajoto recibiu a visita do presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela Paz. Na reunión trataron distintos temas de interese, como a infrafinanciación da Xunta de Galicia no municipio, que supón un sobrecusto de 800.000 euros anuais para as arcas municipais: “O Concello de Foz está asumindo competencias da Xunta no servizo de axuda no fogar e na residencia de maiores e non recibe os fondos necesarios para sufragar estes servizos. Ademais, Portos de Galicia está incumprindo un acordo do ano 2021 coa FEGAMP e obrigando ao Concello a pagar 120.000 euros anuais en concepto de taxas pola ocupación de espazo para servizos públicos como a piscina, a aula de seguridade viaria, a celebración de festexos, a nave do club Kayak ou a celebración do mercado dos martes. Estamos a falar de máis de dous anos e medio e aínda non sabemos nada da valoración da solicitude, resulta completamente inaceptable”, explica Cajoto.
O alcalde indica que este desfase nas contas estano pagando as veciñas e veciños de Foz, cando non lles corresponde. “A través das taxas e impostos municipais, que foron actualizados, temos que suplir a falta de financiamento da Xunta. Demandamos o mesmo compromiso que hai desde Santiago con outros concellos: nin máis nin menos”, finaliza Fran Cajoto.