Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Voz galega nun Parlamento Europeo máis á dereita”, por Xoán Antón Pérez Lema

O Partido Popular Europeo fou a forza máis votada na Europa, alargando a súa vantaxe a respecto do grupo dos socialistas e progresistas, cunha das mellores participacións históricas nunhas eleccións ao Parlamento Europeo (PE): o 51%..

No Estado español a participación foi máis baixa (49,22%), o que relativiza en certa medida a radiografia que xurde destes resultados. Tamén gañou nidiamente o PP (34,18% e 22 escanos) fronte ao PSOE (30,19% e 20 escanos), malia que Núñez Feijóo seica non acadou o plebiscito contra Sánchez que tentaba. Medra a extrema dereita, con Vox duplicando representación (9,62%; 6 escanos) e cos freakies de Alvise Pérez (4,59% e 3 escanos) empatando con Sumar. O 14,21% que quita conxuntamente a extrema dereita constitúe sen dúbida un dado moi preocupante. Sumar naufraga (3 escanos co 4,65%, malia que o terceiro pertence ao valencianismo de Compromis e partillará co BNG e ERC no grupo Verdes-Alianza Libre Europea) e fica non lonxe de Podemos (2 representantes co 3,27%, gañando en Catalunya á coalición Sumar-Comúns), amosando o grave castigo que aplica a cidadania á desunión e inutilidade políticas e anticipando unha crise inmediata na coalición de Yolanda Díaz, xa que Esquerda Unida non estará no PE. A plurinacionalidade reflíctese en cadanseus 6 escanos sobre 61 acadados polo BNG, Junts, ERC, EH-Bildu, PNV e Compromìs.

Na Galicia trunfou claramente o PP, cun 43,6% dos votos, mentres o PSOE obtivo só o 27% fronte ao 35% de 2019. O BNG acada a mellor votación da súa historia nunhas europeas dende 1999, co 16,15% dos votos e obtendo escano directo para a súa candidata Ana Miranda, o que non se acadaba dende o mandato de Camilo Nogueira (1999-2004). Amosa tamén unha progresión estrutural importante en case todo o territorio, malia as dificultades dunha campaña polarizada na liorta PP/PSOE, Avanza un chisco a extrema dereita, cun 4,62% de Vox e un 2% aproximado dos de Alvise Pérez, malia que sexa o territorio onde menos votos quita o extremismo antieuropeo, antifeminista e negacionista. Sumar e Podemos empatan tecnicamente a irrelevantes, con porcentaxes moi semellantes aos obtidos polos freakies.

Voltando a Bruxelas, semella que o avance da extrema dereita non impedirá unha nova Comisión Europea na que partillarán o PPE, os socialistas e os liberais e demócratas de Renew Europe, que probábelmente seguirá a presidir Ursula Van Der Leyen e que terá que compatibilizar o avance do green deal coa protección do sector primario europeo e dos sectores menos favorecidos para impedir que sexan aínda máis prexudicados co proceso de transición ecolóxica. Doutro xeito os extremistas continuarán a surfear na desafección. Mentres, Macron disolveu as Cámaras lexislativas francesas para escurecer o grande trunfo da extrema dereita na Franza, alicerzando unha grande coalición para a segunda volta destas eleccións, o 7 de xullo, que garanta unha maioria democrática fronte ao perigo que representa o extremismo do Rassemblement National de Marine Le Pen.

Exit mobile version