Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acolle unha nova edición do Correlingua o mércores 29 de maio

O evento, organizado pola CIG Ensino en colaboración co Concello, está dirixido ao alumnado dos centros educativos na Mariña e ten como obxectivo a reivindicación da lingua galega entre a rapazada

Burela, 22 de maio de 2024. O Concello de Burela acollerá unha nova edición do Correlingua, un evento que se celebra cada ano en varios concellos galegos para reivindicar a lingua galega coa participación da rapazada dos centros educativos.

O Correlingua 2024 en Burela comezará ás 10:20 do mércores 29 de maio na praza da Mariña. Ás 10:45 sairá a marcha co alumnado de primaria e secundaria, que percorrerá a vila ata volver de novo á mesma praza.

Para dar a saída da andaina, nomearase aos diferentes centros de ensino que participarán na mesma. A faixa desta edición será portada por alumnado dos centros de Burela, que encabezarán a marcha.

O concelleiro de Mocidade e Educación, Mario Pillado, sinala que para o Concello de Burela “é unha honra recibir unha iniciativa tan bonita coma o Correlingua”.

“Dende a área de Educación temos a nosa lingua como un dos nosos eixos centrais de actuación, e queremos que o mércores 29, no medio das festas de Burela, as nosas rúas se enchan de mocidade espallando orgullosa o noso idioma, que sexa tamén a festa do galego”, sinala o edil.

“Temos un grado moi alto de participación neste evento, con máis de 1.700 estudantes de moitos centros de ensino da Mariña, sendo un dos puntos onde se celebra o Correlingua con maior participación”, destaca Pillado.

O Correlingua é unha actividade organizada pola CIG Ensino para os centros educativos, e este ano conta coa colaboración co Concello de Burela. Trátase unha proposta de carácter lúdico, educativo e reivindicativo que convida a mocidade e os centros a participar nun acto público de reivindicación do galego.

A presentación correrá a cargo de Fran Rei, e ás 11:45 terá lugar á lectura do Manifesto do Correlingua 2024 por parte de alumnado do IES de Foz, que participou na súa elaboración.

O evento contará coas actuacións de dous dos artistas gañadores do concurso de música Cantalingua. O alumnado de infantil poderá escoitar a Paco Nogueiras, mentres que o alumnado de primaria e secundaria rematará a xornada reivindicativa coa actuación de Cuarta Xusta.

Exit mobile version