Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros realizará a orla da escola infantil coa fotógrafa local Natalia Blanco

O Concello entregará gratuitamente a cada familia una foto da nena ou neno graduado e una orla da clase que finaliza a súa estadía na escola infantil

Barreiros, 20 de maio de 2024. O Concello de Barreiros vén de anunciar que contará coa fotógrafa local Natalia Blanco, que recentemente abriu un salón de fotografía no municipio barreirense, para realizar unha sesión fotográfica na que as nenas e nenos que finalizan a súa estadía no centro conten cun recordo de graduación do seu paso pola escola infantil municipal.

A alcaldesa, Ana Ermida, explica que nesta ocasión puxéronse en contacto coa fotógrafa local Natalia Blanco para realizar este traballo que será contratado desde o Concello e que non terá ningún custo para as familias. “A diferencia co modelo anterior é que as familias recibirán este detalle a modo de agasallo desde o Concello, sen necesidade de realizar ningún pago a ningunha empresa externa.” “Cremos que nos centros públicos non poden darse situacións nas que poida haber familias que teñan que renunciar a participar en determinadas actividades ou ter material concreto en función da súa capacidade económica, polo que decidimos cambiar o modelo de realización das fotografías e apostar, ademais, por unha emprendedora local”, afirma a alcaldesa.

A concelleira de Igualdade, Educación e Saúde Pública, Montse Porteiro, sinala que se trata “dun agasallo humilde, que non pretende substituír sesións fotográficas profesionais que poidan realizar as familias, senón que simplemente se trata de que teñan un recordo do seu paso pola Escola Infantil Municipal que poida quedar para a posterioridade”.

Ademais das fotografías, as e os menores tamén serán agasallados cunha banda conmemorativa da promoción da que forman parte, que serán entregadas nun acto de final de curso no que poderán participar as familias.

Exit mobile version