Daniel García destacou que a actividade ofrece formación para actuar contra esta especie invasora que merma produucións apícolas e agrarias
Trátase dunha formación que nace co obxectivo de que a veciñanza teña os coñecementos e as ferramentas precisas para afrontar a proliferación desta especie invasora e continuar coas producións apícolas e agrarias. A xornada completarase na tempada estival cunha formación práctica dando continuidade a esta primeira parte das xornadas. As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades deben enviar un correo electrónico a info@apiculturagalega.gal para inscribirse de balde.
O deputado de Rural e concelleiro de Dinamización e participación veciñal Daniel García destacou a importancia de “formar á veciñanza en áreas que afectan ao día a día, e a vespa velutina está a ser cada vez máis un problema tanto para as persoas que se dedican a apicultura ou a produción de froita, como para aquelas outras que teñen pequenas producións de autoconsumo nas súas casas”
“Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros consideramos fundamental que a cidadanía teña os coñecementos e os recursos para actuar na súa contorna máis inmediata fronte a esta problemática, que nos afecta de forma transversal”, explicou o deputado durante a presentación da actividade.
Na charla, a cargo de persoal da Asociación Galega de Apicultura, explícase o ciclo da vespa velutina, necesario para entender o funcionamento das trampas xa que se instalan no período no que a raíña traballa soa para construír o niño. Posteriormente faise un repaso pola eficiencia das trampas e a súa elaboración, coidados e mantementos. Dende a entidade explicarán como elaborar a mestura máis eficiente ou onde colocalas, normalmente en especies florais de máxima atracción para as velutinas. Os asistentes coñecerán tamén o momento no que é necesario a súa retirada e o proceso do pico de capturas desta especie.
A actividade forma parte dun programa que o sábado se achega en horario de tarde ao concello de Carballedo e que a pasada fin de semana celebrou as xornadas técnicas en Lugo e Samos.