As catalanas logran manter a permanencia en Primeira División con esta vitoria que rompe a racha sen derrotas das mariñanas nesta tempada
Con problemas técnicos na retransmisión durante os primeiros minutos, ábrese o sinal no minuto 6 e o Lles Corts anota o primeiro gol do partido, un tanto de Laura Oliva nun saque directo nunha falta moi perigosa para o conxunto rival. Un minuto despois de novo Martita anota o segundo, un golazo por toda a escuadra nun disparo afastado. Continúa dominando o conxunto local ante un Pescados Rubén Burela FS despistado. Empeza a espertar o conxunto de Julio Delgado no minuto 11 cunha primeira oportunidade clara nun disparo cruzado ao pau de Irene Samper. Pero as barcelonesas continúan apertando e xerando oportunidades, unha de Laura Torres no minuto 13 que lanza de lonxe rozando o pau. Na seguinte xogada por parte do Burela, Irene Samper consegue o 2-1 nun rexeite tras un bo lanzamento de Cami que detén a porteira local. Outra clara que detén Irati, cun disparo de Patricia a pase de Cilene tras unha moi boa recuperación da veterana brasileira en campo contrario. Pero cando parecía que as Guerreiras comezaban a remontar, Laia Rojo anota o 3-1, un golazo similar ao segundo de Martita, cun disparo afastado que entra por toda a escuadra. Pero un equipo que non sabe renderse continúa buscando o gol, atopándoo de novo Irene Samper no minuto 19 cun gol desde o segundo pau nunha boa combinación con Antía Pérez que lla coloca perfecta. Detén Ana Eliza un último disparo a porta de Lles Corts desviándoa á banda. Tras un tempo morto para o equipo de Robert Caneda chega o descanso sen máis oportunidades.
Na segunda parte comeza atacando o conxunto local ante un cambio de portería no conxunto de Julio Delgado que decide poñer a Ester, xogadora xuvenil da base do conxunto mariñán, baixo paus durante esta segunda parte. Sen tiros a porta durante os primeiros minutos, chega a primeira no 24 Luci cun tiro cruzado desde dentro da área que dá no pau e salva Cami despexándoa. Disparo fóra de Antía Pérez cun lanzamento raso que se vai rozando o pau no minuto 26. Un minuto 30 frenético comeza co hat-trick de Irene Samper, un golazo nunha boísima xogada individual que empata o partido pero segundos despois Luci cóalla a Ester nunha transición. Sae presionar o conxunto burelense con Cilene de porteira-xogadora buscando de novo o empate, pero no minuto 33 Luci cóaa entre os paus picándoa por encima de Ester e poñéndollo máis difícil ás invictas burelenses. No minuto 36 unha enchufadísima Irene Samper anota o cuarto desde a área a pase de Patricia. Continúan presionando as mariñás con xogo de 5 pero chega o 6-4 final, un tanto de Luci a portería baleira no minuto 37. O Burela presiona con porteira-xogadora ata o último minuto xerando moito perigo pero non logrando empatar o encontro, que remata coa primeira derrota do conxunto galego no que vai de tempada.
As Guerreiras volven a Burela para disputar a semana que vén o seu penúltimo partido de Liga nunha Xornada Laranxa en Vista Alegre, cun primeiro partido ás 10.00h que elas mesmas disputarán ante o MRB Móstoles, partido que será retransmitido por Teledeporte e ao que se espera gran afluencia, ante un rival de categoría.
Pola tarde, ás 18.45h poderán asistir ao último encontro da xornada de Segunda División de Futsal para o equipo masculino, un dos encontros máis complicados da tempada, que tamén se disputará en Vista Alegre, ante un UMA Antequera que non deu opcións aos burelenses a ese segundo posto na táboa esta tarde ante o Ibiza.
Ficha Técnica A.E. Les Corts-UBAE 6-4 Pescados Rubén Burela FS
A.E. Les Corts-UBAE (6): Irati; Laura Torres, Júlia, Paula, Aina -cinco inicial-, Luci, Laia Rojo, Nati, Sìlvia, Noe, Martita, Laura Olivo.
Pescados Rubén Burela FS (4): Ana Eliza; Cami, Irene Samper, Rafinha, Patricia- cinco inicial-, Dany, Cilene, Antía Pérez, Aroa, Noelia Montoro, Ester. Entrenador: Julio Delgado.
Goles: 1-0, min.6: Laura Oliva. 2-0, min.7: Martita. 2-1, min.13: Irene Samper. 3-1, min.17: Laia Rojo. 3-2, min.19: Irene Samper. 3-3, min.30: Irene Samper. 4-3, min.30: Luci. 5-3, min.33: Luci. 5-4, min.36: Irene Samper. 6-4, min.37: Luci.
Árbitros: Francesc García-Donas, Iván López, Pablo Villaescusa, César Álamo.
TA: .Laia Rojo, Antía Pérez