A eurodeputada do Bloque visitou unha explotación agrogandeira “exemplo de prácticas sostibles”
“O BNG no Parlamento Europeo reclama e reclamará se temos o apoio dos galegos e galegas que a PAC sea xusta, sustentable e que apoie as explotacións agrogandeiras con prácticas sostibles como as que vimos hoxe no Concello de Pol”, asegurou a eurodeputada galega, ao tempo que salientou que estas explotacións fixan poboación no rural, precisamente unha das necesidades do rural galego.
Ana Miranda criticou que “non se estean apoiando estas gandeiras e estes gandeiros galegos que queren facer outro tipo de prácticas sostibles, que son por onde vai o futuro e que queren vivir na súa terra”, salientou. O agro galego precisa ter voz directa en Europa, igual que o resto dos sectores produtivos estratéxicos galegos, e para iso é fundamental que o Bloque acade representación en Europa. Neste sentido, Ana Miranda explicou que a PAC debe actuar como mecanismo de apoio directo ás rendas dos agricultores e agricultoras galegas e que sosteña o noso modelo de agricultura.
Máis investigación
Na visita á explotación, na que tamén participou a candidata número 4 da lista do BNG ás europeas, Mar Pérez Fra,- as propietarias e propietarios das explotacións trasladaron á eurodeputada do BNG diversas consideracións. Así, demandan máis investigación para doenzas e menos burocracia no trámite das axudas. “O BNG leva denunciando en multitude de ocasións que non hai unha boa aplicación da Política Agraria Común, xa que non é normal que non haxa pastos suficientes para producir”, sinalou.
Ana Miranda lembrou que o BNG ten trasladado á Comisión Europea as demandas do sector, en concreto a través de preguntas parlamentares nas que se fai referencia á necesidade de simplificar as cargas administrativas como o novo caderno dixital; a adaptación da metodoloxía dos ecoesquemas e do catálogo de ecorréximes a nosa realidade; así como a flexibilización da condicionalidade e a aplicación das cláusulas espello como principio de reciprocidade nos acordos comerciais internacionais.