A eurodeputada do Bloque participou nas xornadas “Por un agro galego con futuro”
“No BNG defendemos un rural vivo e consideramos que a PAC debe actuar como mecanismo de apoio directo ás rendas dos agricultores e agricultoras e que sosteña o noso modelo de agricultura”, salientou a eurodeputada galega, quen denunciou que a PAC non ten en conta a identidade territorial de Galiza e as características propias da tradición agraria familiar, sostible e de proximidade propias do agro galego. “O problema para Galiza é que a revisión da PAC segue a favorecer a grande industria e non se propoñen medidas significativas para mellorar os ingresos dos agricultores e facilitar o relevo xeracional”, criticou Ana Miranda.
Por outro lado, segundo apuntou Ana Miranda, precisamente a redución da actividade agrícola é unha da causas do descenso demográfico no rural galego. “O desleixo do goberno galego do Partido Popular chega tamén a este eido”, denunciou a eurodeputada do Bloque, quen tamén fixo referencia a ineficacia do PP na xestión das axudas á produción ecolóxica. En concreto, no ano 2022, o goberno galego só asignou 3,18 millóns de euros en axudas, fronte aos necesarios 5,6 millóns de euros para cubrir todas as solicitudes presentadas, o que significa a falta de asistencia para o 43 % das hectáreas solicitadas.
Demandas do sector
A eurodeputada galega lembrou que o Bloque ten trasladado á Comisión Europea as demandas do sector, en concreto a través de preguntas parlamentares nas que se fai referencia á necesidade de simplificar as cargas administrativas como o novo caderno dixital; a adaptación da metodoloxía dos ecoesquemas e do catálogo de ecorréximes a nosa realidade; así como a flexibilización da condicionalidade e a aplicación das cláusulas espello como principio de reciprocidade nos acordos comerciais internacionais.