Ribadeo, 7 de maio de 2024. Alumnado dos centros de ensino de Ribadeo degustou cócteles saudables sen alcohol, que foron elaborados por estudantes do Ciclo de Hostalería do IES de Foz.
Trátase dunha actividade de prevención escolar dirixida a alumnado de 2º da ESO e de 1ª de FP Básica. En total participan 134 alumnas e alumnos, 75 deles do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, 44 do colexio Sagrado Corazón e 15 do CIFP Porta da Auga.
O alumnado asistiu á elaboración de dous combinados sen alcohol por parte de estudantes do Ciclo de Hostalería do IES de Foz (Juan, André e Fabio coa supervisión de Marta, a súa profesora) e posteriormente puideron degustar os cócteles.
O primeiro grupo participou nesta actividade hoxe, martes 7 de maio, ás 10:30 horas no Cine Teatro de Ribadeo. E o segundo grupo farao o 21 de maio no mesmo lugar e á mesma hora.
Esta acción está organizada a través do Programa de Prevención de Drogodependencias e outros Trastornos Aditivos, dependente da Concellería de Benestar Social, Saúde e Familia. Xunto aos asistentes estiveron esta mañá Elena Sierra e Mónica Fernández.