Site icon Crónica3.com A Mariña

Adxudicadas as obras de mellora das contornas das praias de Esteiro, As Illas, Os Castros e tamén no Cargadeiro, en Ribadeo

Ribadeo, 27 de maio de 2024. Adxudicadas as obras de mellora dos entornos das praias de Esteiro, As Illas, Os Castros e tamén no Cargadeiro, en Ribadeo. O investimento ascende a 70.000 euros e será sufragado integramente pola Xunta de Galicia. Os traballos darán comezo nos vindeiros días, segundo anunciou hoxe o alcalde, Dani Vega.

O rexedor dixo que “despois de todo un traballo feito, unha xestión fundamental para investir nos nosos espazos naturais, puntos turísticos importantes para Ribadeo como é Esteiro, As Illas, Os Castros ou o Cargadeiro, a Xunta de Galicia vai a poñer o 100% do orzamento, en consecuencia non vamos ter que investir de fondos propios, de fondos municipais. Xa foron firmados os convenios e agora tamén xa foron adxudicadas as obras tanto en Esteiro, Illas e Castros e tamén no Cargadeiro”.

Vega subliñou que “nos próximos días empezaremos a actuar para conservar, para reparar todos estes espazos. Falamos de reparación de bolardos de madeira, substituílos por novos, a reparación de traveseiros, tamén a reparación de pilastras de pedra, substituír todos eses puntos que están deteriorados. Hai que actuar tamén en puntos claves, como son os servizos, os espazos de fontes… que están realmente abandonados. Temos a obriga de traballar para que puntos claves turísticos estean en bo estado. Tamén é importante actuar nos aparcadoiros, xa que vemos que hai un deterioro importante”.

O alcalde indicou que “tamén imos actuar no Cargadeiro en toda esa madeira desgastada, incluso moitas táboas xa faltan, e vese tamén un deterioro na iluminación, no entorno do todo ese espazo, que necesita papeleiras. Trátase de poñer ao día estes espazos que son moi importantes para a Ribadeo, desde un punto de vista natural, da conservación do noso medio natural, pero tamén son puntos claves, puntos turísticos que debemos conservar”.

Dani Vega engadiu: “aquí percibimos un orzamento superior aos 70.000 euros, que nos vai permitir investir con diñeiro da Xunta nestes espazos e aforrar diñeiro municipal. Seguimos nesa xestión fundamental, nese traballo en colaboración coa Xunta de Galicia que para nosoutros é moi importante. Dende logo, seguimos actuando, seguimos traballando e seguimos mellorando o Ribadeo que queremos”.

Ata o Cargadeiro se desprazaron o alcalde, Dani Vega, e os concelleiros de Turismo e Medio Ambiente, Marta Saiz e Diego dos Santos.

Exit mobile version