1. A competencia para a prestación do servizo de residencia e centro de día é da Xunta de Galicia. O Concello de Foz no ano 2016 tivo que solicitar autorización á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia para asumila e fíxoo co compromiso de que o servizo non suporía un aumento do gasto en ningún caso para o Concello. O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia negouse a asumir a xestión da residencia -que é da súa propiedade e competencia -a partir do 16 de xaneiro do ano 2023, cando finalizaba o convenio asinado co Concello de Foz. Se a xestión fora do Consorcio Galego, tal e como defendía o goberno municipal, os usuarios aboarían o 80% das súas pensións como contraprestación polo servizo.
2. Os prezos que cobran as concesionarias polos usuarios para o servizo de residencia mantéñense fixos e inalterables durante a vixencia das concesións segundo os estudos de viabilidade económica, memorias xustificativas e pregos que se estableceron tanto para o contrato asinado en xaneiro do ano 2019 como para adxudicación que se propón para o próximo pleno. (Achégase táboa explicativa cos prezos nos diferentes exercicios).
No período transitorio entre as dúas concesións o Concello de Foz con impostos de todos os veciños -cando o debería asumir a Xunta de Galicia- está a sufragar a diferenza entre as tarifas aboadas polos usuarios (establecidas no estudo de viabilidade económica da primeira concesión) e o estudo técnico municipal aprobado en pleno do 26 de xaneiro de 2023.
3. As novas tarifas que deberán aboar os usuarios e que entran en vigor coa nova concesión son o resultado do estudo de viabilidade económica aprobado por unanimidade en pleno do 18 de maio de 2023 e da oferta máis vantaxosa presentada no procedemento aberto de contratación. O estudo de viabilidade económica está a disposición de calquera interesado para a súa descarga desde setembro do ano 2023 na Plataforma de Contratos do Estado, dentro dos expedientes de contratación. Durante o proceso de contratación houbo dúas ofertas: unha de IDEA que non ofertaba baixa sobre os prezos establecidos no estudo de viabilidade económica e outra de CK SENIOR GESTION SL que ofertou unha baixa do 2% sobre as tarifas marcadas no expediente de licitación.
4. O Concello de Foz non vai a permitir que ningún usuario da residencia se quede fóra por non ter recursos económicos suficientes para pagala. Por iso, nos orzamentos do ano 2024 (en vigor desde o mes de xaneiro do presente ano) aumentou a partida 231.48901 Axudas de Emerxencia Social dos 30.000 euros do ano 2023 aos 270.000 euros que recollen os orzamentos actuais. Actualmente existen usuarios da residencia que perciben unha axuda de emerxencia social para asumir as tarifas vixentes desde o ano 2019, pero prevese que haxa un aumento importante de demandantes das axudas ao incrementarse as tarifas. Estes 240.000 novos euros incorporados ao orzamento establécense para cubrir un previsible aumento de usuarios perceptores de axuda de emerxencia social.
Como dato, nos orzamentos incorporáronse 240.000 euros para os 40 usuarios da residencia (competencia impropia e que debe sufragar a Xunta de Galicia) e o capítulo de inversións dos orzamentos do exercicio 2024 é dun total de 383.000 euros, o que dá idea do esforzo económico que supón ao concello.
5. A ordenanza de axudas de emerxencia para usuarios da residencia e centro de día está en vigor desde o 2 de marzo do ano 2019 e dispoñible para a súa descarga por todos os usuarios na web do Concello de Foz ou no BOP de Lugo do día 1 de marzo do ano 2019. As axudas son compatibles con outras achegas para o mesmo fin e concédense en función da capacidade económica do usuario. A capacidade económica establécese en atención á renda e ao patrimonio do usuario, exceptuando a vivenda principal. Debe achegarse declaración de indispoñibilidade económica dos familiares directos para colaborar no custe. Ao usuario resérvaselle para os seus gastos un 25% como mínimo do importa da pensión contributiva mínima mensual.
6. Unha vez asinado o contrato do Concello de Foz coa nova concesionaria poñerémonos en contacto con tódolos usuarios da residencia e centro de día para explicar de forma máis pormenorizada a nova concesión e tratar de forma individualizada cada caso.
ANTECEDENTES MANDATO 2011 – 2015
19/06/2014 – Aprobación en Xunta de Goberno Local de licenza para a construción da residencia e centro de día de Foz.
31/07/2014 – Aprobación en pleno por unanimidade de cesión da parcela recibida da Fundación Martínez Otero ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para construción de residencia e centro de día.
ANTECEDENTES MANDATO 2015 – 2019
30/05/2016 – O Concello de Foz aproba en pleno que sexa o Concello quen asuma a xestión da residencia e centro de día durante 2 anos, con posibilidade de prórroga doutros 2 anos e facer dita proposición ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.
27/10/2016 – Aprobación en pleno só cos votos a favor do PP do convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o Concello de Foz para a xestión da residencia e centro de día. Establécese unha duración de dous anos con prórroga de outros dous anos.
02/12/2016 – O Concello de Foz solicita á Dirección Xeral de Administración Local informe sobre inexistencia de duplicidade no exercicio da competencia para a xestión da residencia e centro de día.
16/12/2016 – A Dirección Xeral da Administración solicita documentación, entre outras “Informe da intervención sobre cumprimento da estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira coas novas competencias”.
16/06/2017 – O alcalde de Foz, señor Javier Jorge Castiñeira, remite escrito á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Neste escrito reitera que a CESIÓN na xestión ao Concello é TRANSITORIA co único fin de coordinar co asilo o traspaso de anciáns e traballadores.
26/07/2017 – A Dirección Xeral de Administración Local sobre a duplicidade en materia de competencias emite informe favorable con dous condicionantes:
1 – O servizo será explotado en réxime de concesión, polo que non suporá de ningunha forma aumento de gasto para o Concello.
2 – De acordo co establecido no artigo 21 da Lei Orgánica de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira o Concello terá a obriga de aprobar un Plan Económico Financeiro.
31/07/2017 – Sinatura de convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o Concello de Foz para a xestión do Fogar Residencial e Centro de Día do Concello de Foz. Establécese unha duración de dous anos con prórroga de outros dous anos.
26/04/2018 – O Concello de Foz leva a pleno e retira antes da votación propoñer ao Consorcio Galego de Igualdade que o Concello de Foz asuma durante 2 anos con posibilidade de prórroga doutros 2 anos, a xestión da nova residencia de Foz para que mediante a sinatura dun convenio de colaboración coa “Asociación Edad Dorada Mensajeros de la Paz” se presten os servizos de residencia e centro de día.
28/06/2018 – O Concello de Foz aproba en pleno propoñer ao Consorcio Galego de Igualdade que o Concello de Foz asuma durante 2 anos con posibilidade de prórroga doutros 2 anos, a xestión da nova residencia de Foz para que mediante a sinatura dun convenio de colaboración coa “Asociación Edad Dorada Mensajeros de la Paz” se presten os servizos de residencia e centro de día.
27/09/2018 – O Concello de Foz aproba en pleno o estudo de viabilidade económica-financeira, pregos e inicio de contratación da residencia e centro de día incidindo en que: O servizo será explotado en réxime de concesión, polo que non suporá de ningunha forma aumento de gasto para o Concello.
16/01/2019 – Sinatura de contrato entre o Concello de Foz e Innovación y Desarrollo Asistencial (IDEA S.L.) para a xestión da residencia e centro de día de Foz por 2 anos prorrogables a outros 2.
22/03/2019 – Autorización de inicio de actividade da Residencia e Centro de Día a favor do Concello de Foz.
ANTECEDENTES MANDATO 2019 – 2023
02/09/2019 – Solicitude de autorización de IDEA para a cesión do contrato entre Innovación e Desenvolvemento Asistencias SL e Servicios Socio Sanitarios de Galicia SL, pertencentes ambas ao grupo ASBAR SL, en relación á xestión da Residencia e Centro de Día de Foz.
31/07/2020 – Aprobación en pleno por unanimidade da cesión do contrato de concesión de servizos da Residencia e Centro de Día do concello de Foz por parte da adxudicataria Innovación e Desenvolvemento Asistencia SL (IDEA) a Servicios Socio Sanitarios Galicia SL.
03/09/2020 – Solicitude de Servicios Socio Sanitarios de Galicia de reequilibro económico da concesión por mor da imposibilidade de executar o contrato por mor da pandemia do COVID-19
02/11/2020 – Solicitude de prórroga do contrato por parte de Servicios Socio Sanitarios de Galicia SL
26/11/2020 – Aprobación en pleno por unanimidade dos seguintes puntos:
1- Aprobar a prórroga do Contrato de Concesión dos servizos da residencia de maiores e centro de día de Foz a Servicios Socio Sanitarios de Galicia polo prazo de dous anos ata o 16 de xaneiro de 2023
2- Comunicar ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que unha vez rematada a prórroga e finalizada a vixencia do convenio entre Consorcio e Concello o servizo de residencia e centro de día pasará a ser asumido polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Remítese comunicación ao Consorcio.
06/05/2021 – Aprobación en pleno con votos favorables do PSOE e BNG e abstención do PP de compensación económica a favor de Servicios Socio Sanitarios de Galicia por imposibilidade de executar o servizo do centro de día durante a pandemia COVID-19 por un importe de 36.064,57 euros.
26/01/2022 – Reiteración do envío da certificación do acordo plenario do 26/11/2020 ante a ausencia de comunicación do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.
21/04/2022 – Oficio do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar indicando que o Consorcio non asumirá a xestión do centro unha vez finalizada a vixencia do convenio entre Consorcio e o Concello, toda vez que os trámites para a apertura foron realizados polo Concello de Foz.
18/05/2022 – Oficio do Concello de Foz reiterando a obriga do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar de xestionar o servizo de residencia e centro de día de Foz unha vez rematado o prazo do convenio -improrrogable- o día 16 de xaneiro de 2023.
09/06/2022 – Reunión en Santiago co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para reclamar que a Xunta asuma a xestión do servizo de residencia e centro de día unha vez finalizado o convenio ao ser dependencias da súa propiedade e ser as súas competencias.
04/07/2022 – Oficio do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar indicando que para a restitución do inmoble ao Consorcio esta debe ser libre de traballadores e residentes, algo que vulnera o dereito tanto dos residentes para os que o edificio é o seu domicilio habitual como o dos traballadores, que teñen asegurado o seu dereito á subrogación segundo o convenio colectivo.
14/12/2022 – Petición de reunión urxente á Conselleira de Política Social e Presidenta do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para tratar a transmisión da propiedade dos terreos e edificio da residencia e que o Concello de Foz poda asumir a xestión ante a negativa da Xunta de Galicia de asumir as súas competencias. Esta petición a día de hoxe non foi atendida.
21/12/2022 – Aprobación en pleno cos votos a favor do PSOE e BNG e abstención do PP para o mantemento do servizo por Servicios Socio Sanitarios de Galicia SL a partir do 16 de xaneiro de 2023 e a transmisión da titularidade do inmoble do Consorcio ao Concello de Foz.
29/12/2022 – Reunión en Santiago co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar na que se acorda un novo convenio co compromiso do traspaso da propiedade de terreos e edificio da residencia ante a negativa do Consorcio a asumir o servizo.
17/01/2023 – Aprobación por decreto de novo convenio entre o Concello de Foz e o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar no que o Consorcio comprométese a cederlle a titularidade ao Concello dos inmobles e do equipamento.
25/01/2023 – Aceptación por parte de Servicios Socio Sanitarios de Galicia SL das tarifas compensatorias vixentes a partir do 17 de xaneiro de 2023 propostas polo Concello de Foz en base a informe técnico elaborado polo Concello.
26/01/2023 – Aprobación en pleno por unanimidade das compensacións propostas polo Concello de Foz á concesionaria Servicios Socio Sanitarios Galicia SL a partir do 17 de xaneiro de 2023.
29/01/2023 – Ratificación en pleno por unanimidade do convenio asinado entre o Concello de Foz e o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.
CRONOLOXÍA DA PRESENTE CONTRATACIÓN DA CONCESIÓN DA RESIDENCIA E CENTRO DE DÍA DE FOZ
18/05/2023 – Apróbase en pleno por unanimidade o Estudo de Viabilidade relativo ao contrato de concesión de servizos de residencia e centro de día do Concello de Foz con votos a favor do PSOE, BNG e PP. No Estudo de Viabilidade establécense os prezos de licitación do novo contrato: 1.664 euros (IVE incluído) para válidos e dependentes grado I e de 2.054 euros (IVE incluído) para dependentes grado II e III.
08/09/2023 – Providencia de alcaldía para o inicio do expediente para a contratación mediante procedemento aberto do contrato de concesión do servizo de residencia e centro de día a través da Plataforma de Contratación do Sector Público do Estado. O contrato sae a licitación con un valor de 9,519 millóns de euros para 5 anos máis dúas prórrogas de 1 ano (9,896 millóns IVE incluído). Está a disposición de tódalas empresas e cidadáns para a súa descarga o Estudo de Viabilidade Económica, Estrutura de Custes, Pregos, Memoria Xustificativa e demais documentos que conforman a licitación. Os prezos marcados para a licitación son de 1.664 euros e 2.054 euros, que deberán manterse durante a vixencia do contrato de concesión.
23/11/2023 – O TACGAL (Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia) estima parcialmente un recurso interposto por IDEA SERVICIOS SOCIOSANITARIOS SL.
25/01/2024 – Apróbase en pleno cos votos a favor do PSOE e BNG e a abstención do PP, en base á resolución do TACGAL, retrotraer o expediente desestimando o procedemento de contratación iniciado o 8 de setembro de 2023 e iniciar novo procedemento de contratación coa modificación dos pregos.
08/02/2024- Publícase na Plataforma de Contratación do Sector Público do Estado nova licitación na Plataforma de Contratos do Sector Público do Estado pola mesma cantidade (9,519 M €, 9,896 M € IVE incluído), mesma duración (5+1+1 anos) e mesmos prezos das prazas (1.665 e 2.054 euros).
15/03/2024 – O TACGAL (Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia) desestima o recurso interposto por IDEA SERVICIOS SOCIOSANITARIOS SL.
21/03/2024 – PRIMEIRA MESA DE CONTRATACIÓN. Apertura de sobres e remisión da oferta técnica para a súa valoración. Presentan oferta as industriais IDEA SERVICIOS SOCIOSANITARIOS SL e CK SENIOR GESTION SL.
22/04/2024 – SEGUNDA MESA DE CONTRATACIÓN. Tómase en consideración a oferta técnica baremada polo técnico e ábrense os sobres económicos. IDEA non presenta baixa económica, CK SENIOR presenta unha baixa do 2% respecto aos prezos establecidos na estudo de viabilidade. A oferta de CK SENIOR GESTION SL é a máis valorada con 94 puntos.
13/05/2024 – TERCEIRA MESA DE CONTRATACIÓN. Tómase en consideración a documentación aportada polo licitador e proponse a adxudicación definitiva do contrato de concesión de servizos e centro de día á industrial CK SENIOR GESTION SL. Os prezos despois da baixa oferta resultan 1.630 euros para válidos e grado I e 2.013 euros para grados II e III.