A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu esta mañá á feira das Quendas 2024, que se celebra cada primeiro de maio na localidade lucense de Mondoñedo
Neste sentido, María José Gómez salientou a “aposta firme e consolidada” coa que conta o Goberno autonómico neste eido. Así, destacou as diferentes estratexias sectoriais postas en marcha pola Xunta, máis concretamente as dedicadas aos sectores lácteo e cárnico, configuradas como “dúas follas de ruta que contribúen a potenciar estes eidos e seguir afondando no desenvolvemento do agro galego”.
De seguido, lembrou as distintas liñas de achegas que se canalizan cara este sector, facendo unha mención especial ás axudas para plans de mellora e incorporación de mozos ao agro. A convocatoria deste ano -cuxo prazo para a presentación de solicitudes finalizou o pasado 22 de abril- contou cun orzamento de 47 millóns de euros, cos que se pretende mellorar a estrutura produtiva das explotacións e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co fin último, tal e como sinalou a conselleira, de mellorar a competitividade e favorecer a remuda xeracional. Gómez expuxo que a renovación social e a rendibilidade económica son fundamentais para poder garantir a sustentabilidade ambiental nas explotacións. No marco destas achegas, 5.000 mozos e mozas incorporáronse á actividade agrogandeira no período 2009-2024.