As tarefas céntranse nun treito de preto de 2,5 quilómetros e inclúen a roza puntual de arbustos e a retirada de árbores e biomasa na canle para evitar atoamentos
As tarefas, que se desenvolverán en preto de 2,5 quilómetros do rego de Bravos, ao seu paso polas parroquias de Galdo e Landrove, consisten na retirada de árbores e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos así como en labores de roza puntual de arbustos no acceso á canle.
As actuacións, que xa foron comunicadas ao concello de Viveiro, prolongaranse durante aproximadamente unha semana e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoras co apoio de tractores e un camión.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo de conca autonómico, este tramo do rego de Bravos quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Cómpre subliñar que Augas de Galicia desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.
O obxectivo é avanzar e mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.