O delegado territorial, Javier Arias, explica que se desenvolven en Lugo, Vilalba, Monforte de Lemos, Quiroga e Chantada dentro da programación da Academia Galega de Seguridade Pública para o primeiro semestre do ano
Lugo, 23 de maio de 2024. A Xunta, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), imparte nos meses de maio e xuño seis cursos na provincia de Lugo para formar a 134 persoas voluntarias de agrupacións de Protección Civil (AVPC).
O delegado territorial, Javier Arias, explica que corresponden á programación do primeiro semestre do ano e se desenvolven en Lugo, Vilalba, Monforte de Lemos, Quiroga e Chantada.
En Lugo comezou hoxe un curso básico de manexo de motoserras que se impartirá ata mañá na Delegación da Xunta e na área recreativa dos lagos de Teixeiro. Os participantes poderán adquirir a formación necesaria para participar con seguridade en intervencións de retirada de emerxencia de árbores caídas ou ramas desprendidas. Conta con 11 alumnos e ten unha duración de 16 horas.
Outra actividade céntrase na condución de vehículos todoterreo. Neste caso os contidos teóricos impártense online e as prácticas realízanse na canteira de Goiriz, en Vilalba. As datas van do 15 ao 30 de maio.
Así mesmo, o Centro de Formación e Experimentación Agraria da Xunta de Galicia, ubicado en Monforte de Lemos, acollerá a parte práctica dun curso semipresencial sobre coordinación de incendios forestais en situación 2 que durará do 30 de maio ao 18 de xuño; e Quiroga albergará clases presenciais de loita contra incendios urbanos e forestais do 1 ao 9 de xuño.
En maio tamén se impartiu formación dirixida a voluntarios de Protección Civil para obter a licencia de navegación – con prácticas no encoro de Belesar en Chantada – e un curso básico de manexo de desfibriladores externos (DESA) en Quiroga.