As obras consistirán na rehabilitación e ampliación do antigo colexio para reconvertelo en centro residencial, con 44 prazas distribuídas en 22 habitacións dobres
Abadín, 29 de maio de 2024. A Xunta de Galicia destinará 1,2 millóns de euros á construción dunha residencia de maiores en Abadín, cuxa xestión dependerá do concello. As obras consistirán na rehabilitación e ampliación do edificio do antigo do colexio infantil deste concello, actualmente en desuso, para convertelo nun centro residencial con 44 prazas repartidas entre 22 habitacións dobres.
Esta actuación desenvólvese no marco do Plan de investimentos de 18,5 millóns de euros co que o Goberno galego financia unha vintena de proxectos de construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais de titularidade municipal. Un plan acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, visitou o lugar onde se desenvolverán as obras. Alí destacou o impulso histórico que supón este Plan, tanto na mellora de instalacións, como na creación de 500 novas prazas públicas de atención residencial e outras 150 de atención diúrna.
No caso de Abadín, a Xunta financia a máxima contía posible, do total de 2,2 millóns de euros que suporán os traballos. Ademais de ampliar as dúas plantas do edificio actual, construirase un anexo coas mesmas alturas conectado a través de dous accesos coa construción principal. As zonas comúns situaranse na planta baixa. O Concello encargarase da licitación e contratación das obras unha vez que se asine o convenio de colaboración entre as Administracións autonómica e local.