Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 641.000€ a 11 establecementos turísticos da provincia para medidas de eficiencia enerxética

O delegado territorial, Javier Arias, sinala que as achegas avanzan na sustentabilidade e calidade do sector, mellorando o aforro e o confort

Sarria, 14 de maio de 2024. A Xunta de Galicia destinou en Lugo 641.000 euros a 11 proxectos de mellora da eficiencia enerxética en establecementos turísticos, no marco da convocatoria de axudas de eficiencia enerxética posta en marcha por Turismo de Galicia con fondos Next Generation.

O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe en Sarria un dos hoteis beneficiarios da convocatoria, onde sinalou que estas achegas serven para avanzar na sustentabilidade e a calidade do sector turístico galego, reportando maior aforro para os empresarios e confort para os usuarios e reducindo as emisións contaminantes á atmosfera.

Tamén se financiaron obras e medidas correctoras do consumo enerxético en hoteis, casas rurais e apartamentos turísticos dos municipios de Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Cervo, Portomarín, Ribadeo e Navia de Suarna.

As actuacións subvencionables consisten na mellora da envolvente térmica, utilización de enerxías renovables ou cambios no sistema de iluminación, cun custe elixible mínimo do proxecto de 5.000 euros. Polo tanto, incluíronse o illamento de muros de fachada e cubertas, a substitución de vidros e carpintarías, ou a instalación de enerxía xeotérmica, térmica e biomasa, entre outras.

En cada caso, as medidas adoptadas alcanzaron unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable de mínimo un 30% respecto á situación de partida.

Rede pública de albergues

Javier Arias lembrou que Turismo de Galicia tamén afondará este ano na mellora da eficiencia enerxética da rede pública de albergues do Camiño de Santiago, cun investimento de máis de 1 millón de euros dentro do Plan de Albergues.

Ademais das intervencións habituais en illamento, iluminación ou calefacción, focalizarase de maneira especial na instalación de paneis fotovoltaicos onde sexa posible.

Na provincia de Lugo actuarase en 11 do Camiño Francés: o de O Cebreiro e Hospital da Condesa, ambos en Pedrafita do Cebreiro; o de Triacastela; a Casa Forte de Lusío, en Samos; o de Calvor, Sarria e Barbadelo, todos en Sarria; o de Ferreiros en Paradela; Airexe-Ligonde en Monterroso, e o de Os Chacotes e Mato Casanova en Palas de Rei. Haberá tamén actuacións en dous albergues do Camiño do Norte (o de Vilaba e o de A Cabana, en Friol), así como en un do Camiño Primitivo (Seixas, en Palas de Rei).

Exit mobile version