Inclúe todas as obras de prevención, reparación e novas instalacións para a conservación do conxunto do subministro eléctrico das 122 dársenas de titularidade autonómica
Durante a súa intervención, o presidente de Portos de Galicia informou de que o contrato contempla a posibilidade de prórroga por 2 anualidades máis ata un total de 3,6 millóns de euros. O servizo consiste na realización dos traballos de mantemento das instalacións eléctricas de baixa tensión que se localizan nos portos autonómicos para o seu correcto funcionamento, mellor rendemento enerxético e redución do impacto no medio ambiente.
As instalacións incluídas neste contrato serán as seguintes: instalacións fixas: cadros, aparellos, mecanismos e acometidas; redes eléctricas de baixa tensión: canalizacións ou cableados; alumeado exterior; soportes de alumeado: báculos, columnas ou brazos; instalacións de xeración de enerxía; redes de terra; instalacións de telexestión; controis de accesos e toda a obra civil relacionada coas instalacións eléctricas: arquetas, canalizacións soterradas, cimentación de báculos, columnas ou armarios, entre outras.
O servizo abrangue fundamentalmente todas aquelas actuacións de mantemento preventivo e correctivo –reparacións, modificacións ou ata novas instalacións-, xestión de avarías ou cortes de subministro; inspeccións periódicas; inventario de instalacións ou asistencia técnica en relación ao estado das instalacións. Para unha organización máis eficaz o contrato divídese en 5 lotes por áreas xeográficas, a saber: de Ribadeo a Ares; de Pontedeume a O Pindo (Carnota); de Portubelo a Rañó (Rianxo); de Pontecesures a Corbaceiras (Pontevedra) e de Aguete (Marín) a Tui.