Site icon Crónica3.com A Mariña

A Frouxeira foi a pasada fin de semana a novena visita do programa de Xeoturismo da Mancomunidade

A Mariña, 7 de maio de 2024. Esta pasada fin de semana tivo lugar a novena visita do programa de Xeoturismo da Mancomunidade de Concellos da Mariña lucense, ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística. Nesta ocasión os asistentes estiveron na Frouxeira.

O pasado sábado, día 4 de maio, os participantes visitaron o monte da Frouxeira na que foi a novena saída guiada do programa de Xeoturismo da Mancomunidade da Mariña. Esta visita serviu para coñecer a orixe dos magmas que deron lugar ó macizo granítico da Toxiza e os procesos que levaron á súa intrusión dentro dos materiais paleozoicos do Manto de Mondoñedo. A pesares dunhas condicións meteorolóxicas pouco favorables, os asistentes puideron subir ó pico, observar as pías e outras rechamantes formas de erosión e ollar as impresionantes vistas desde a altura.

En abril tiveron lugar outras dúas actividades guiadas: o sábado 27, á Cova do Rei Cintolo, da man do xeólogo Iván Rodríguez e do espeleólogo do Concello de Mondoñedo. Durante máis de 2 horas de percorrido achégaronse ó espectacular mundo de estalactitas, estalagmitas, columnas e coladas da formación kárstica máis grande de Galicia. E o domingo 28, acompañados por Iván Rodríguez e Boris Vilar, realizouse a xeorruta Unha ollada baixo a alfombra, entre a praia de Esteiro, en Xove, e a Punta de Meitón. Neste itinerario puideron coñecer a diversidade de rochas ígneas que afloran na contorna e observar como a dinámica costeira modela o litoral creando praias, coidais e cantís, rematando de retorno no espectacular campo de dunas da praia de Esteiro.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, destacou que “estas experiencias ofreceron aos participantes a oportunidade de descubrir a riqueza xeolóxica e natural da zona, profundizando no seu coñecemento sobre os procesos e formacións que moldean a paisaxe da Mariña Lucense. Estas actividades evidencian a importancia de conservar e protexer este valioso patrimonio natural para futuras xeracións, e animan aos visitantes a continuar explorando e aprendendo sobre os tesouros xeolóxicos que a comarca ten para ofrecer”.

Nestas tres últimas actividades realizáronse 51 inscricións e participaron 41 persoas de diversas procedencias como pode ser da propia Mariña e da provincia de Lugo, de Ferrolterra, Santiago de Compostela e Madrid.

O programa de Xeoturismo enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

Exit mobile version