A Xunta de Goberno acordou a medida, coa que rebaixa de 55,72€ a 39 o prezo do metro cadrado, para incentivar as vendas e a actividade empresarial no parque industrial chairego, en cuxa urbanización a institución investiu máis de 1,3M€
“A bonificación das parcelas é unha medida encamiñada a incentivar a venda e, polo tanto, a actividade empresarial no polígono de Cospeito”, subliñou o Deputado, engadindo que a Deputación de Lugo investiu máis de 1,3M€ na urbanización do parque industrial de Feira do Monte, e entregoulla ao Concello de Cospeito o pasado mes de marzo co obxectivo de multiplicar as oportunidades económicas deste municipio chairego e da súa contorna.
O polígono ten unha superficie total de 56.726m2, dos que as parcelas de solo urbano á venda ocupan 22.459m2, mentres que o solo dotacional ten unha extensión de 2.247m2; os espazos libres 10.849m2; os viarios e aparcamentos 10.490ms2; e as áreas verdes 10.681m2.
Por outra banda, a Xunta de Goberno -que se adiou a hoxe por ser o pasado venres festivo- aprobou a adxudicación, por 571.396,47€, dos traballos de desbroce de estradas provinciais ao seu paso por 11 concellos da provincia. “Nas vindeiras xuntas de goberno adxudicaranse os traballos para o resto de vías, ata completar os 4.217 quilómetros que conforman a rede de estradas coa que conta a Deputación”, avanzou Rivera Capón.
As tarefas de desbroce corresponden ás zonas de 5 lotes do contrato, que son as que afectan aos concellos de Castro de Rei, Pol e Meira; Castroverde e O Corgo; Ribeira de Piquín e A Fonsagrada; Negueira de Muñiz e Navia de Suarna; e Chantada e Carballedo:
“A rede de estradas da Deputación de Lugo é a máis extensa de toda España e para o seu acondicionamento e mellora destinamos moitos recursos económicos. De feito, neste ano 2024 están consignados 20M€ nos Orzamentos para as estradas provinciais, o que supón un incremento dun 42% no último mandato”, sinalou Pablo Rivera. Uns recursos destinados a tarefas de mellora, de desbroce, de conservación e de mantemento das vías. Concretamente, “o desbroce é unha tarefa fundamental, coa que contribuímos a mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos condutores, ademais de favorecer a prevención dos incendios”, asegurou o Deputado.
Maquinaria para a Granxa Gayoso Castro
Adxudicado tamén o contrato para adquirir unha cisterna distribuidora de xurro, con capacidade de 14.000 litros, que se suma á maquinaria da que dispón a Granxa Gayoso Castro da Deputación para desenvolver as tarefas necesarias de coidado do gando. Resultou adxudicataria a empresa Talleres Carruxo, SL, cun prezo de 107.036,6€, co compromiso de realizar o servizo de mantemento periódico durante 40 meses e reducir o prazo de entrega a 180 días naturais desde a formalización da adxudicación.
Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios
Finalmente, a Xunta de Goberno sacou adiante o último trámite administrativo para o pago dunha subvención a un novo beneficiario do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo. En concreto, son 6.000€ para a Comunidade de Montes de Santalla, en Begonte, destinados á mellora de accesos comunais.