Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería do Mar avanza na creación de mesas de traballo cos centros de investigación mariña para abordar a situación actual da actividade marisqueira

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, mantivo un encontro por videoconferencia cos responsables dos diferentes centros de investigación mariña dependentes da Consellería do Mar -Intecmar, Cetmar e CiMA- co obxectivo de avanzar na constitución de mesas de traballo nas que abordar posibles novas solucións con efectos a curto prazo sobre a situación actual da actividade marisqueira en Galicia. Na xuntanza sinalouse a necesidade de intercambiar ideas entre os diferentes equipos de investigadores poñendo en común experiencias e iniciativas que permitan alcanzar conclusións sobre as cales elaborar novas propostas.

Esta primeira reunión serviu como punto de partida a unha iniciativa acordada recentemente coas federacións de confrarías galegas. Está previsto que se celebre un novo encontro nas vindeiras semanas no que participarán persoal técnico da Consellería do Mar (técnicos, biólogos de zona e axentes de extensión), e persoal investigador para compartir as actuais liñas de traballo das distintas unidades e o coñecemento acumulado ata o momento. Deste xeito estableceranse xuntanzas periódicas nas que se irán analizando as medidas que se vaian poñendo en marcha así como outros asuntos de interese neste ámbito. En paralelo, se celebrarán outros encontros co propio sector e as súas asistencias técnicas nas que compartir as medidas propostas nas mesas de traballo e coordinar a súa execución.

Exit mobile version