Ribadeo, 18 de maio de 2024. No concerto das Letras Galegas da Banda Municipal de Música de Ribadeo, celebrado no auditorio municipal Hernán Naval onte, venres, foron presentados dous novos compoñentes da formación: o trompetista Salvador García Sánchez, que xa debutara nun concerto que ofreceron en Mondoñedo no pasado mes de febreiro; e o percusionista Gael Bouso Garocha, que tocou onte por primeira vez na Banda ribadense.
A presentación do concerto correu a cargo dunha das compoñentes da Banda, Carolina Yáñez, que fixo un pequeno comentario sobre a vida e obra da autora á que se dedica o Día das Letras Galegas este ano, Luísa Villalta.
A continuación a Banda de Ribadeo, dirixida por David Ballester Martínez, interpretou estas pezas: Lonxe do Mar, de Hernán Naval; O Chopo, de Manuel Iglesias; Alborada de Celanova, de Francisco Landín; A Cova do Rei Cintolo, de Frank J. Cogollos; A Fiada, de José Lodeiro; Rapsodia Galega nº 1, de Enrique García Rey; e como bises tocaron Pasodobre de San Roque e o himno galego.
David Ballester agradeceu a asistencia do público e os seus aplausos. Ademais animou aos afeccionados a música a que se integren na Banda, que no concerto de onte estivo formada por 41 músicos.