Foz, 16 de maio de 2024. O Concello de Foz ultima o acondicionamento da Área Recreativa do Bispo Santo para esta fin de semana de festa.
O alcalde, Fran Cajoto, explica que “a petición da Asociación Cívico Cultural Bispo Santo, presidida por Óscar López Costeira, mellorouse a drenaxe da fonte, soterrouse cableado para facilitar a instalación das orquestras e mellorouse a explanada. O desbroce, a limpeza e o coidado da área recreativa é un obxectivo que comparten o Concello de Foz e a Asociación. Debo agradecer a Costeira e a toda a comisión a preocupación da asociación pola área recreativa e por manter unha tradición que pasa de país a fillos. Hai que animar ás comisións a que continúen este traballo tan pouco recoñecido, que saca tanto tempo e que permite que as celebracións continúen animando o noso concello”.
O concelleiro de Festas, Ángel Fernández Neira, felicita á comisión polo seu esforzo, coa que colabora de forma activa o Concello de Foz: “intentamos axudar en todo o que está ao noso alcance, como combustible, fogos de artificio ou valas de protección, para que a festa se desenvolva con normalidade. Quero invitar a todo o mundo a que suban esta fin de semana á romaxe con máis tradición en Foz”.
O venres na sesión vermú actuará Tania Veiras, que repetirá na verbena, xunto a La Última Legión. Na sesión vermú do sábado actuará a orquestra Principal. A banda de gaitas Dambara de Burela e o espectáculo infantil Peter Punk continuarán animando a romaxe ata a noite, con verbena a conta das orquestras Principal e Ritmo Joven. O domingo actuarán o grupo D-Cano e Mekanika Rollng Band. A diversión, ademais de pulpo, xamón cocido e churrasco, estará garantida durante toda a fin de semana.