Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldía de vilalba levará a pleno a modificación das ordenanzas municipais para adherirse á iniciativa galega de Concellos Emprendedores

Trátase dunha actuación solicitada pola Asociación de Empresarios Sete Pontes que a rexedora, Marta Rouco, se comprometera a cumprir e axilizar a súa tramitación

Vilalba, 28 de maio de 2024. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, propoñerá na sesión plenaria deste xoves, 30 de maio, a modificación para incluír unha serie de bonificacións nas ordenanzas fiscais reguladoras do Imposto sobre Bens inmobles, do Imposto sobre Actividades Económicas e do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras do Concello de Vilalba.

Desta forma, o municipio vilalbés dá un paso máis para poder adherirse á iniciativa galega de concellos emprendedores, a cal establece a necesidade de modificar mediante acordo plenario as ordenanzas fiscais reguladoras mencionadas con anterioridade.

Nesta liña, a Asociación de Empresarios Sete Pontes manifestou nas reunións mantidas coa rexedora vilalbesa a necesidade de que o Concello cumprira este requisito para poder converterse en concello emprendedor e beneficiarse dos incentivos que supón esa catalogación.

En resposta a esa solicitude, a alcaldesa, Marta Rouco, sinalou que “comprometinme a cumprir e axilizar a tramitación necesaria para converter a Vilalba en Concello Emprendedor e así o fixen, de tal forma que este xoves poderemos votar no pleno a modificación das ordenanzas municipais”.

En concreto, o pleno decidirá sobre a bonificación no imposto sobre bens inmobles, o imposto sobre actividades económicas e o imposto sobre construcións, instalacións e obras de ata un 95% a favor de inmobles urbanos nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorreren circunstancias de fomento do emprego. Establecéndose as seguintes porcentaxes:
Polo menos o 80 % pola creación de máis de vinte postos de traballo.
Polo menos o 75 % pola creación de entre once e vinte postos de traballo.
Polo menos o 50 % pola creación de ata dez postos de traballo

Pola súa banda, as bonificacións previstas serán aplicables nos supostos de implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como para aqueloutros que consistan nunha ampliación das instalacións, sempre e cando impliquen creación de emprego.

Exit mobile version