“É un asunto de grande trascendencia para Vilalba”, sostén Marta Rouco, que solicítalle unha reunión “coa maior brevidade posible” a Judit Fontela
Vilalba, 23 de maio de 2024. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, pídelle á nova directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, que inclúa “unha solución para a nosa estación de autobuses na súa axenda de prioridades a curto prazo”.
“É un asunto de grande trascendencia para Vilalba, un concello cabeceira de comarca cunha situación xeográfica que fai necesaria contar cunha estación en condicións, xa que é un lugar de paso, chegada e saída para numerosos viaxeiros”, sostén Marta Rouco.
Por estes motivos, solicitoulle por escrito unha reunión “coa maior brevidade posible” a Judit Fontela, que tomou posesión como nova directora Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia.
“Tivemos un encontro hai xa seis meses, en novembro, no que a Xunta plantexou unha alternativa coa que non estamos dacordo, pero o tema está paralizado desde entón, unha situación que non merecen os nosos veciños e veciñas, e ademais cambiaron tanto a conselleira como o director xeral de Mobilidade”, engade.
Desde o Concello de Vilalba envíase cada semana unha solicitude de reunión, a de onte xa coa nova directora xeral.
A alcaldesa de Vilalba pide unha renovación integral da estación de autobuses e, mentres tanto, “os usuarios necesitan contar cuns servizos mínimos nas instalacións”.
Por último, Rouco lembra a recente Estratexia Galega de Mobilidade, presentada por Rueda este mesmo mes e que estará dotada de 420 millóns de euros para impulsar o transporte público en toda a comunidade autónoma.