Ribadeo, 16 de maio, 2024. Para comezar, o propio venres 17 de maio poderase mercar un libro escrito en galego para agasallar á nosa xente, ou para nós propios. Quen así o faga nas librarías de Ribadeo, verá acompañado ese libro cun caravel vermello, por cortesía da Agrupación Cultural Francisco Lanza, tal e como se leva a facer varios anos. “Un libro e un caravel”.
O sábado 18 de maio haberá un acto ás 20.30h no Teatro de Ribadeo onde a ribadense, Alba López Álvarez, presentará a webserie “Luisa Villalta. A rebelión da palabra”, iniciativa da Real Academia Galega, e da que Alba é guionista.
A finais do próximo mes chegará Xurxo Souto, presentando o seu libro: “Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta”.
E tamén, dentro da conmemoración das Letras Galegas, mais xa centrado no campo da memoria e da lingua, organízase unha excursión á cidade de Lugo para o próximo día 2 de xuño, na que se visitará o Cemiterio de San Froilán, dentro do “Programa de Cemiterios Europeos”, o casco historico e o Vello Cárcere.