Site icon Crónica3.com A Mariña

665 persoas palillarán este sábado no XIV Encontro de Burela

“É fundamental axudar a conservar e a poñer en valor este tipo de actividades ligadas á nosa cultura e ás nosas tradicións e, en especial, aquelas nas que as mulleres tiveron e seguen tendo un papel totalmente esencial”, afirma a alcaldesa Carmela López

Burela, 16 de maio de 2024. O Concello de Burela acollerá este sábado, día 18 de maio, o seu XIV Encontro de Palilleiras. Este evento, organizado pola Asociación Cultural e Artesanal de Mulleres Palilleiras “As Encaixeras”, agarda contar con máis de 700 participantes, dos que 665 serán persoas palillando.

O encontro desenvolverase integramente no Porto de Burela en horario de mañá e de tarde, de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:00. Durante a xornada tamén será posible visitar o Barco Museo “Reina del Carmen”.

“Quero agradecer á asociación As Encaixeiras todo o seu traballo e a súa implicación para sacar adiante este encontro, que é todo un referente na programación sociocultural, por suposto, de Burela, pero tamén da comarca da Mariña e da provincia”, sinala a alcaldesa Carmela López.

“É fundamental axudar a conservar e a poñer en valor este tipo de actividades ligadas á nosa cultura e ás nosas tradicións e, en especial, aquelas nas que as mulleres tiveron e seguen tendo un papel totalmente esencial”, afirma a rexedora. “Ademais, é unha oportunidade marabillosa para dar a coñecer a vila, e en particular o porto e o barco museo”, engadiu.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou que “a cultura, a tradición e a artesanía son enxalzadas neste día, cuns traballos moi minuciosos feitos por mulleres que merecen ser mostrados e desfrutados”. “Parabéns a As Encaixeiras polo éxito da convocatoria, que de seguro repercutirá nun gran éxito do evento o propio sábado”, engadiu.

A programación comezará coa recepción das palilleiras, dando paso ás 11:30 horas á inauguración do acto, seguida dunha degustación de empanada de merluza e dunha viaxe ó Monte Castelo e á Igrexa Vila do Medio.

Ó mediodía haberá un parón para a comida e xa pola tarde será a quenda dun sorteo de regalos ás 17:30 horas. Durante toda a xornada as palilleiras estarán traballando no porto, intercambiando coñecementos entre elas e amosando a súa arte ós que se acheguen.

En paralelo a este programa tamén haberá unha exposición de mantillas bordadas e mantillas de bolillos procedentes da colección privada de Sol Teijeiro e un obradoiro de Marisa Hermida, “Creación dunha mimosa”, para un grupo de vinte persoas, previa inscrición.

Exit mobile version