Míriam Bermúdez agarda “que dende a Xunta teñan a ben os cambios propostos e dean o seu apoio a este proxecto, para deste xeito contribuír a mellorar a calidade de vida da veciñanza”
Este bus circular conectará cunha frecuencia de 30 minutos os tres principais núcleos poboacionais do municipio, Covas, Viveiro e Celeiro. O proxecto inclúe varias liñas adicionais e será posteriormente ampliable a outras zonas do concello.
“Traballando en colaboración coa empresa, deseñamos a modificación das actuais rutas pra facelas máis eficientes e que sirvan para crear un bus cómodo para ser utilizado pola veciñanza”, afirma a tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez.
“Agardamos que dende a Xunta de Galicia teñan a ben os cambios propostos e dean o seu apoio a este proxecto, para deste xeito contribuír a mellorar a calidade de vida da veciñanza de Viveiro”, sinala Bermúdez.
A ruta circular irá dende Escourido á praza do Naufrago en Celeiro, funcionará de luns a sábado e, cun horario especial, tamén os domingos. Ademais, o proxecto inclúe tamén rutas entre Covas Motel e Burela e entre a igrexa de Valcarria e a Estación de Autobuses de Viveiro, que funcionarán de luns a venres.
Esta última ruta “garantirá tamén a conexión co rural, e o servizo será ampliable e modificable en función de como vaia funcionando”, explica a tenenta de alcaldesa.
O billete tería un prezo de 1,55€, e serían aplicables todas as tarxetas con descontos da Xunta, como as dirixidas á mocidade ou a persoas maiores.
“Este proxecto vai supoñer un cambio de hábitos para a veciñanza, pero será un cambio a mellor, polo que agardamos que veciñas e veciños lle dean un amplo uso”, subliña Bermúdez.
“Agora está nas mans da Xunta admitir esta modificación, que permitirá crear unha cidade máis sostible ao tempo que suporá un gran beneficio para os e as viveirenses”, conclúe.