A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, sinala que “é unha marabillosa noticia que este evento deportivo de ámbito galego se desenvolva na nosa vila”
Viveiro, 17 de abril de 2024. O Concello de Viveiro acollerá este sábado, día 20 de abril, o Campionato Galego Junior de Taekwondo, que terá lugar no pavillón municipal de Viveiro.
O evento foi presentado hoxe nun acto que contou coa participación, por parte do Concello, da alcaldesa María Loureiro.
Participaron tamén Amaya Vilar, presidenta da entidade organizadora ACD Ujeong, o xefe do servizo provincial de Deportes, Manuel Otero Méndez ‘Cadramón’, e o presidente do Centro Deportivo Jansu e representante da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Quintana.
María Loureiro sinala que “é unha marabillosa noticia que este evento deportivo de ámbito galego se desenvolva na nosa vila”.
“Dende o Concello seguimos traballando por apoiar e impulsar todo tipo de deportes no municipio, que son ademais o mellor xeito de promover un estilo de vida saudable”, engade a rexedora.
O evento organizado pola Asociación Cultural e Deportiva Ujeong conta coa colaboración do Concello de Viveiro, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Taekwondo e o Centro Deportivo Jansu de Vilalba.