A recollida de chaves está habilitada dende este luns 8 de abril e a instalación dos 9 colectores está prevista para o luns día 22
A instalación deses 9 colectores marróns realizarase o vindeiro luns 22 de abril e funcionará como un proxecto piloto a partir do cal se estudará a viabilidade de estender a recollida da materia orgánica en todo o casco urbano da vila, de tal forma que se promova a reciclaxe na cidadanía e Vilalba se converta nun concello comprometido co medioambiente.
Polo momento, como comezo da iniciativa, o Concello difundirá a información relativa á recollida da materia orgánica baixo a campaña “Vilalba orgánica” na que se repartirán trípticos informativos nos supermercados e centros educativos vilalbeses para que todas as persoas poidan coñecer os detalles e a información relativa ao funcionamento dos colectores marróns. Así mesmo, tamén a través das redes sociais o Concello de Vilalba facilitará información á veciñanza sobre o funcionamento da recollida da materia orgánica e colgará carteis informativos que tamén permitirán o acceso virtual aos trípticos informativos.
“O noso obxectivo é promover a reciclaxe dos residuos para contribuír ao coidado do medio ambiente e favorecer a separación da materia orgánica de forma que poida empregarse como fertilizante natural” explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quen convidou a toda a cidadanía “a que se sumen a esta iniciativa pasando a recoller a chave dos colectores polo Concello, onde atenderemos todas aquelas dúbidas e preguntas que lle xurdan a este respecto”, sinalou Rouco.
Así pois, a partir do luns 8 de abril, todas as persoas interesadas en sumarse ao proxecto piloto da recollida da materia orgánica poden pasar pola Casa do Concello, concretamente polo punto de información da planta baixa, para recoller a chave (unha por domicilio) que dá acceso aos colectores marróns. Pois, ditos dispositivos precisan dunha chave para ser empregados e nos que é necesario depositar a materia, sempre, en bolsas compostables para que non se prexudique o proceso.
No relativo aos residuos, os colectores marróns admiten o depósito de restos de froita e verdura, restos de carne e pescado, cascas (de ovo, froitos secos, marisco,…), de comida cociñada ou caducada, de pan e bolería e de pousos de cafés e infusións. Ademais, tamén se poden depositar neles panos e papel con restos de comida ou aceite, restos vexetais, palillos, tapóns de cortiza, serrín e paus de xeado. Non obstante, nos colectores marróns non poden desbotarse residuos como as cápsulas de café, a area de mascotas ou excrementos, os téxtiles sanitarios, o aceite usado, os restos de varrido e pelo, as cabichas e a cinza ou os líquidos alimenticios, que deberán depositarse no colector verde de recollida de lixo doméstico e residuos non reciclables.
Pola súa banda, os colectores marróns instalaranse no número 82 da avenida da Terra Chá, á altura do cuartel da Garda Civil, no número 15 da avenida da Terra Chá, fronte á farmacia Marín y Marín, no número 33 da rúa de Galicia, fronte ao carón da Librería Andel, no número 11 da rúa de Galicia, fronte a asesoría Pablo Fernández, na Praza do Coronel Pena, no número 35 da rúa da Pravia, fronte a Calzados Prieto, no número 1 da rúa Campo de Puente, ao carón da Reloxería Rico, no número 24 da rúa Campo de Puente, fronte a Caracol Plus e no número 37 da rúa Plácido Peña, fronte ao supermercado Mercadona.