Viveiro, 26 Abril, 2024. Outro ocupante dun dos turismos implicados no accidente tivo que ser trasladado.
Varias persoas chamaron onte ao 112 Galicia cando estaban a piques de ser as 23:00 horas da noite. Segundo indicaban, producírase unha colisión entre dous vehículos na LU-540, en Magazos. Un dos particulares que alertou ao 112 Galicia e que estaba implicado no accidente explicou que o turismo contrario batera contra un poste e saíra rebotado contra o vehículo no que el ía. Ademais, indicou que o ocupante do outro coche atopábase tirado sobre a calzada.
Con esta información, os xestores do 112 Galicia pasaron o aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Viveiro, Policía Nacional, Garda Civil de Tráfico e ao Servizo Municipal de Protección Civil de Viveiro.
Tras chegar ata o lugar do suceso, os membros de Protección Civil indicaron que había moitos restos de accidente espallados pola estrada, polo que tamén se informou ao servizo de mantemento da vía.
Xa no punto, os profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmaron que unha das persoas implicadas no accidente estaba falecida. Ademais, a colisión deixou un ferido que tivo que ser trasladado ata o hospital de referencia.