Viveiro, 22 de abril de 2024. O Concello de Viveiro celebra o éxito da CAMOVI desta fin de semana, un evento deportivo que chegou neste ano 2024 á súa XIII edición.
“Foi, unha vez máis, un gran éxito tanto de participación como de público”, afirma a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. “Milleiros de persoas puideron deste xeito desfrutar dos nosos montes e da natureza que rodea Viveiro”, engade a rexedora.
Loureiro agradeceu “o inmenso traballo tanto da organización como dos máis de 200 voluntarios e voluntarias, que estiveron toda a fin de semana axudando para que todo saíra ben”.
A Carreira por Montaña Montes de Viveiro é, para a alcaldesa, “un evento deportivo crucial para o municipio, situando a Viveiro no mapa nacional do deporte coa súa ampla traxectoria”.
A proba destaca “pola súa dureza pero tamén pola súa beleza, transcurrindo por paraxes únicos que os e as participantes poden deste xeito coñecer de primeira man”, apunta Loureiro.
“É marabilloso ver como a Camovi segue a medrar ano tras ano, tendo como principios fundamentais o respecto ás persoas, ao medio ambiente, a equidade, a axuda mutua e a solidariedade”, sinala a rexedora. “Comezou sendo unha iniciativa entre amigos e agora xa é unha referencia internacional”, engade.
“Como parte do evento destacaron tamén a emotiva homenaxe a Ramón Blanco no Teatro Pastor Díaz e as probas infantís CAMOVI Kids”, concluíu a alcaldesa.