Pasaban uns minutos das dúas desta madrugada cando o 112 Galicia recibiu o primeiro aviso: ardía unha confitería na Praza das Rodrigas, en Riotorto.
Existía a posibilidade de que houbese persoas no interior, polo que, decontado, se informa a Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Efectivamente, conseguiron sacar a unha señora, aínda que houbo máis afectados. En total, tres persoas, unha nai, a filla e unha empregada tiveron que ser evacuadas polo equipo médico.
En canto aos danos, o establecemento e os dous pisos superiores resultaron afectados, tanto polo fume como pola alta temperatura que alcanzou o incendio. De momento, descoñécese a orixe do lume, pero apuntan a unha cociña eléctrica. Con todo, á chegada dos Bombeiros de Barreiros o lume estaba xa sufocado porque un dos implicados apagouno cunha mangueira.
Ademais dos bombeiros, neste operativo interviñeron os membros do GES da Pontenova, Protección Civil de Riotorto, as autoridades locais e os axentes da Garda Civil.