Site icon Crónica3.com A Mariña

Tras unha xuntanza con Altri, o PP afirma que: “Por responsabilidade apoiaremos todas as iniciativas que xeren emprego e riqueza sempre que cumpran toda a normativa”

Os populares sinalan que tanto PSOE como BNG terán que explicar por que en dous anos pasaron de apoiar a implantación de Altri no Parlamento de Galicia e na Deputación de Lugo a, unha vez pasaron as eleccións autonómicas, tentar boicotear a súa implantación

Lugo, 9 de abril de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular mantiveron esta mañá unha xuntanza con representantes de Altri para coñecer de primeira man o proxecto da empresa e constatar que “é o mesmo que se presentou dende o primeiro intre”. “Chega con ir á hemeroteca para comprobar que as características son as mesmas e que sempre se trasladaron con total transparencia. O único que cambiou foi a postura da oposición”, sinalaron.

Dende o Grupo Provincial Popular trasladaron á empresa que “apoiamos, como fixemos sempre, todas aquelas iniciativas que optan por Lugo para asentarse, sempre e cando cumpran con toda a lexislación vixente, respecten o medio ambiente, xeren emprego e riqueza e axuden a fixar poboación no rural”.

A realidade é que “serán os técnicos os que analizarán o proxecto co máximo rigor e transparencia e se cumpre con todos os requisitos legais e ambientais, apoiaremos o proxecto como elemento xerador de riqueza”.

Os populares recordan que hai dous anos presentáronse, tanto no Parlamento como na Deputación de Lugo, sendas iniciativas para defender a chegada de Altri á provincia de Lugo e que contou co apoio de todos os partidos políticos “por tratarse dunha gran aposta económica, laboral e estratéxica”. En ambas administracións as iniciativas se aprobaron por unanimidade co apoio de todos os grupos: PP, PSOE e BNG.

CAMBIO DE OPINIÓN

Agora, unha vez pasadas as eleccións e a campaña electoral, “na que tanto BNG como PSOE defenderon o proxecto, atopámonos que a esquerda volve aos seus cambios de opinión, e tenta boicotear o futuro da provincia de Lugo”. “Oportunidades así pasan unha vez cada 50 anos, con sorte”, defenderon.

Dende o BNG apoiaban a chegada desta empresa hai dous anos e agora póñense en contra. “O BNG sempre acaba sendo vítima das súas contradicións, como ocorreu coas súas críticas á autopista AP-9 ou con Alcoa”, sinalaron.

Cómpre recordar que o voceiro socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, “agora amosa dúbidas sobre o proxecto, pero cando foi delegado do Goberno en Galicia chegou a ofrecerse como mediador entre Altri e o Ministerio de Industria” para que a empresa se instalase en Lugo.

Dende o Grupo Provincial Popular sinalan que tanto PSOE como BNG terán que explicar por que en dous anos pasaron de apoiar a Altri no Parlamento de Galicia e na Deputación de Lugo a, unha vez pasaron as eleccións, tentar boicotear a súa instalación.

Exit mobile version