Ribadeo, 1 de abril de 2024. Ribadeo rexistrou unha ocupación hoteleria do 85% durante a Semana Santa. Polas oficinas de turismo pasaron arredor de 2.850 persoas. Os datos foron presentados polo alcalde, Dani Vega, e pola concelleira de Turismo e Comercio, Marta Saiz.
A edil ribadense contou que “rematada a Semana Santa podemos dicir que o total de viaxeiros atendidos nas nosas oficinas de turismo foi de 2.850 persoas. A do centro abriu todos os días en horario de mañá e tarde contabilizando un total de 690 persoas. Os días de maior afluencia foron o xoves e o sábado con arredor de 180 visitantes por xornada. O punto de información turística da praia das Catedrais, que tamén abriu todos os días en horario de mañá e tarde, rexistrou un total de 2.154 persoas. E aquí o día de maior afluencia foi o venres con 575 persoas”.
Saiz dixo que “a maior parte dos viaxeiros que visitaron o noso concello foron nacionais e procedentes das comunidades de Madrid, Castela-León, País Vasco e Galicia. E no caso do turismo internacional destacan os visitantes chegados desde Alemaña e Arxentina”.
A concelleira de Turismo subliñou que “a ocupación hoteleira durante estes días roldou preto do 85%. Obsérvase un lixeiro descenso con respecto ao ano anterior, que moi probablemente fose provocado polas adversas condicións meteorolóxicas que chegaron a provocar o peche da praia das Catedrais o xoves e o venres. Esta foi unha decisión consensuada coa administración autonómica e cos técnicos e profesionais. E desde logo foi unha decisión adoptada desde a responsabilidade, a prudencia e baixo un criterio único, que é velar pola seguridade das persoas”.
Marta Saiz seguiu a relatar que “co fin de seguir potenciando Ribadeo como destino turístico, de cultura e de natureza organizáronse novamente visitas guiadas gratuítas, que se dividiron en tres grupos, dependendo da ubicación e do percorrido: as visitas polo casco histórico, as visitas xeolóxicas polo litoral coñecidas como Xeorutas e por primeira vez as visitas ao Forte de San Damián, que espertaron grande interese por parte de quen nos visitou e tamén de moitos ribadenses. Aproveito a ocasión para agradecerlle o cariño, a boa disposición e todo o traballo desinteresado realizado todos estes días no Forte a Alberto Paraje. E tamén agradecer a todo o equipo da Área de Turismo e tamén aos guías que traballaron con nós a súa profesionalidade e a súa entrega durante este período vacacional”.
Para o alcalde, Dani Vega, “a praia das Catedrais foi un exemplo nesta Semana Santa de seguridade. Todos os que acudimos a un punto turístico queremos que as administración velen pola seguridade. Fronte a datos moi positivos turísticos está sempre a seguridade das persoas e iso foi o que quixemos facer desde o Concello en colaboración coa Xunta de Galicia”.
O rexedor lembrou que “a praia das Catedrais estivo pechada uns días e creo que se fixo ben. Temos que velar pola seguridade. Unha persoa ten que ter unha completa tranquilidade no momento no que entra nun espazo natural, no que a climatoloxía manda e as administración deben ser responsables e velar pola seguridade das persoas”.
O alcalde tivo palabras de agradecemento “para os vixiantes e para os guías das praia das Catedrais, porque fixeron e fan un traballo moi importante, moi serio e cunha responsabilidade maiúscula e polo tanto estamos moi agradecidos. Tamén aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, á Garda Civil, á Policía Local, ao servizo de Emerxencias, que sempre estamos coordinados por si pasa algo, e tamén lle quero dar as grazas á Xunta por estar en coordinación con nosoutros”.
Vega tamén subliñou “o espazo natural da Illa Pancha, esa oleaxe que houbo eses días, onde moitos surfistas aproveitaron a ocasión e moitos turistas acudiron a ese espazo marabilloso, onde visualizamos perfectamente un mar bravo, pero moi atractivo. Nestes dous espazos naturais debemos seguir traballando de xeito coordinado e sempre velando pola seguridade das persoas”.
O rexedor tamén fixo un balance moi positivo das actividades organizadas desde o Concello para a infancia e a mocidade, a pesares de que non puideron desenvolverse ao aire libre, senón que se trasladaron ao pavillón da rúa Alfredo Deaño e ás instalacións do Ceip Gregorio Sanz: “a xente estivo moi ben e os nenos e nenas tamén”. Vega tamén aludiu ás visitas guiadas que tiveron lugar ao longo desta pasada Semana Santa: “creo que o traballo foi moi importante”. O alcalde considera que todo o que chega a Ribadeo “nota as rúas máis limpas, máis coidado o noso patrimonio. Grazas a todos, a técnicos, ao goberno municipal estamos facendo un traballo moi positivo. Grazas á iniciativa privada, a cada persoa que ten un bar, un hotel, un restaurante, un comercio porque tamén son axentes turísticos moi importantes. E tamén grazas a Acisa por todo o seu traballo”.