Site icon Crónica3.com A Mariña

Retiradas nove árbores en risco inminente de caída na praza do Concello de Burela

Os exemplares retirados serán substituídos por especies de porte arbustivo, valorándose diferentes especies

Burela, 23 de abril de 2024. O Concello de Burela retira nove árbores en risco de caída inminente na praza do Concello. Un informe técnico realizado sobre estes exemplares alerta do perigo existente para a integridade de persoas e bens públicos próximos aos mesmos.

O vento orixinado nos temporais recentes xa tirou varias especies próximas, polo que o informe aconsella actuar o antes posible sobre as nove árbores mencionadas.

O informe sinala así mesmo que as raíces destes exemplares de Alcipreste de Monterrey (Hesperocyparis macrocarpa) estaban a causar desperfectos ao seu redor, levantando o adoquinado e debilitando os muros e os bordos das rúas, co conseguinte risco de caídas e accidentes para as persoas transeúntes.

Ademais, as catro árbores situadas no noroeste da praza atópanse afectadas polo parasito fitóftora, que ocasiona entre outras a putrefacción das raíces, supoñendo deste xeito un perigo adicional.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, lamenta “que se teñan que tallar estas árbores, pero axiña serán substituídas por novos exemplares”. “A presenza de vexetación é fundamental para unha vila como Burela e unha prioridade para o Goberno local”, engade.

Os exemplares retirados serán, a continuación substituídos, por especies de porte arbustivo, valorándose diferentes especies. “Axiña informaremos á veciñanza sobre o plantado das novas especies”, afirma a rexedora.

Exit mobile version