Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedro Blanco destaca na Fonsagrada a importancia de xerar emprego de calidade para afrontar o reto demográfico e construír unha Galicia de futuro

Subliñou que a resposta ante décadas de concentración urbana e abandono do rural pasa por unha actuación conxunta das administracións, a mellora de infraestruturas e servizos públicos e o compromiso das sociedades cos seus territorios

A Fonsagrada, 26 de abril de 2024. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou hoxe a importancia da promoción do emprego e o fortalecemento dos servizos públicos a través de proxectos de innovación social para poñer freo ao despoboamento do medio rural. Así o expuxo na inauguración da Xornada de Promoción do Emprego para Repoboar o Rural celebrada no concello da Fonsagrada dentro do proxecto “Territorio Intelixente” promovido polo Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, que conta co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Acompañado polo presidente do GDR e alcalde da Fonsagrada, Carlos López, e o presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto López, o delegado do Goberno trasladou os parabéns a ambas entidades “por crear espazos de reflexión e escoita das experiencias de distintos axentes no desenvolvemento deste proxecto enfocado á loita contra o despoboamento, que conta co apoio dun Goberno que outorga por vez primeira axudas directas a este fin”. Neste senso, remarcou a importancia de que “estas iniciativas de dinamización socioeconómica e reactivación territorial estanse a crear desde os propios territorios, pois son os seus habitantes principais afectados do descenso da poboación e primeiros interesados en traballar para aportar solucións”.

Pedro Blanco asegurou que “desde o Goberno coñecemos a realidade da provincia de Lugo, cunha grande dispersión territorial e unha poboación cada vez máis envellecida, pero temos claro que a resposta ante esta situación pasa pola actuación conxunta das administracións, a aposta pola mellora das infraestruturas e servizos públicos e o compromiso das sociedades cos seus territorios”.

Porén, explicou que “reverter o despoboamento non é tarefa doada, pero se todos cremos verdadeiramente nas potencialidades do rural da montaña lucense, teremos un futuro digno, sustentable e mellor, con máis oportunidades de emprego no sector primario, agroalimentario, asociativo e público, melloras nos servizos sociais e aposta polo acceso á vivenda para facilitar o asentamento de poboación no rural”.

A delegado do goberno finalizou a súa intervención comprometéndose a “traballar na busca dun reequilibrio territorial que garanta a igualdade de oportunidades de todas as persoas, independentemente de onde vivan”.

Exit mobile version