Lembro, aló polo 2003-2004, que co gallo do denominado “Plan Galicia” se falou da necesidade de fortalecer o Eixo do Cantábrico nas infraestruturas e, por que non, ver se algún día se facía unha liña de AVE. Pasados vinte anos, isto é un sarcasmo.
O certo é que o Eixo do Cantábrico non pasou nunca de ser unha reivindicación retórica dalgúns partidos para desgastar o gobernante da quenda en Madrid ou Santiago. Por exemplo, no ano 2000, PSOE, BNG manifestáronse para reclamar o trazado costeiro da A-8 que, ao final, seguiu paralelo á vella N-634 deixando o mar en Barreiros. Lembro tamén certa manifestación que organizara o PP no Vicedo en febreiro de 2008 para reclamar a construción do corredor Ferrol-San Cibrao e enlazar, así, coa futura A-85, dependente do Estado que cubriría o resto do camiño até chegar á A-8. Constatemos feitos en abril de 2024: a A-85 non ten un só quilómetro en servizo e o corredor Ferrol-San Cibrao non ten tampouco ningún quilómetro desdobrado.
A nosa conexión natural con Europa como comarca (e tamén como país) non é con Madrid, é polo Cantábrico, abonda con mirar nos mapas. Dicir isto sería obvio, agás na España das infraestruturas radiais, onde todo parte de Madrid ou ten que ir a Madrid. E isto ten consecuencias no deseño das autoestradas, dos camiños de ferro e das infraestruturas en xeral.
Cales son as consecuencias desta inercia? A Mariña ten un continuum urbano ben estruturado e policéntrico, pero require dunhas infraestruturas que faciliten as sinerxias. Non as ten, e isto supón prexuízos para a vida cotiá dos cidadáns, pero, tamén, perda de oportunidades económicas e de competitividade.
Non é de recibo que non exista unha liña de camiños de ferro de proximidade entre O Barqueiro e Ribadeo. A FEVE, na actualidade na Mariña, non é unha alternativa de transporte público porque só ten catro frecuencias diarias, sen coherencia coas esixencias do mercado laboral e incumpre con frecuencia os horarios estabelecidos por múltiples problemas.
Non é de recibo a lentitude coa que avanzan os trámites para construír as autovías na Mariña, tanto nos treitos que dependen da Xunta de Galicia como nos que dependen do Estado. Lembremos que pasaron décadas (décadas!) sen que se movese unha soa pa, ás veces por discrepancias no trazado, ás veces pura e simplemente por falta de cartos e, outras veces, porque a cousa quedou aí. O certo é que pasaron 20 anos dos primeiros anuncios, 20 anos…
E non é de recibo que non exista un plano de infraestruturas integral e específico para A Mariña, considerando o transporte de viaxeiros e mercadorías. A nosa comarca ten que vertebrarse, tamén, de leste a oeste para que a mobilidade entre os principais núcleos de poboación sexa máis fácil, e cómpre dar resposta xa a esta necesidade.
O Eixo do Cantábrico non é un capricho nin enxeñaría social: é normalizar nas infraestruturas o que, demográfica, económica e socialmente xa é o normal. É tan difícil facilitarlle a vida á xente?