Denuncian que as prácticas do Alcalde, como non celebrar sesión plenaria en marzo ou non abonar os pagos pola asistencia de cinco concelleiros socialistas aos plenos de xuño, “deterioran a calidade democrática no municipio”
Pablo Díaz asegura que as prácticas do Alcalde “fan que se deteriore a calidade democrática no municipio” e pon como exemplo que non se celebrara a sesión plenaria o mes pasado marzo “para tratar, cando menos, os asuntos pendentes de contestar que constan no pleno ordinario anterior”. Tamén denuncia que non se lle abonaron os pagos correspondentes pola asistencia aos tres plenos celebrados do mes de xuño, logo das eleccións municipais, a cinco concelleiros socialistas do municipio.
Explica o portavoz do PSdeG que no último Pleno celebrado, en xaneiro, os socialistas solicitaron copia dos varios reparos de legalidade levantados polo Secretario; do informe da Secretaria sobre a desafectación de dous camiños en Moncelos; información detallada á que se refiren varias facturas con concepto de “gastos diversos” por importes de 12.000€; e do uso que se está a facer por parte do Alcalde do coche oficial do Concello. Cuestións todas que están por contestar.
O socialista argumenta que o Pleno é o máximo órgano de representación política dos cidadáns e que a normativa recolle que se celebre nos meses impares, polo que é un dereito da veciñanza e unha obriga do Alcalde convocalo.