Begonte, 9 de abril, 2024. Os bombeiros tiveron que liberar as vítimas, que quedaron atrapadas tras o impacto.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, o sinistro produciuse pouco antes das once desta mañá na confluencia da estrada LUP-1611 e a N-VI, no punto quilométrico 523, ao paso por Begonte.
Alí acudiron os equipos de emerxencias logo de recibir o 112 varias chamadas de distintas testemuñas do impacto: unha furgoneta e un tráiler con bañeira bateron con graves consecuencias para os dous ocupantes do turismo. Ningunha outra persoa resultou afectada nesta colisión, que, ademais, deixou restos na calzada. Concretamente, cereais que transportaba o camión.
Para a atención das vítimas, ademais dos equipos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración dos Bombeiros de Vilalba e dos membros do GES de Friol-Palas debido a que as dúas persoas falecidas quedaron atrapadas no interior do turismo.
Igualmente, avisouse aos axentes da Garda Civil de Tráfico e ao persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento co fin de recompoñer as condicións de seguridade na vía.
Do mesmo xeito, e dadas as circunstancias de este accidente, informouse aos especialistas do Grupo de Intervención Psicolóxicas en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) por se fose necesario este recurso para as familias das vítimas.