Trinta anos. Ás seis da tarde do 18 de abril de 1994, hai 30 anos, comezou a emitirse na TVG o Xabarín Club. Coido que é unha data para a historia en Galicia. Unha data na que a TVG se converteu nun vehículo de revitalización do galego, nun polo de atracción para as futuras xeracións de galegos, ó tempo que fixo patente a posibilidade de que o galego levantara voo.
Tempo hai diso, máis dunha xeración das antigas e cousa dunha das modernas, e aquela esperanza vese agora como ferida case de morte. Dende aquela, a TVG pasou a ser medio de propaganda por riba da difusión de novas ou o entretemento. Pasou a ter durante anos o persoal en protesta, por moito que o mesmo medio e outros, regados con cartos de propaganda e que seguen a difundirse en castelán, agochen un e outro día a nova da loita laboral e de dereitos que nos inclúe e inflúe. Dende aquela, a proporción de galegofalantes seguiu a caer, empurrada por unha esmagante maioría de comunicacións e estudos en castelán. Algo axudado dende algunhas -moitas- empresas que en casos sinalados mesmo teñen mal visto o falar dos empregados cos clientes na nosa lingua. Axudado tamén pola despreocupación de integrar a unha inmigración que xa é en gran parte castelán falante. E axudado pola eliminación do que quizais foi o programa de máis impacto da TVG, o Xabarín, xunto co conxunto de ligazóns que representaba o Xabarín Club. Un conxunto que parece seguir a secuela daqueles lemas da posguerra que en pasquíns proclamaban cousas como ‘Si eres español, habla español’, como se só houbera un xeito, ditado (de ditadura) en castelán.
Unha imaxe para que se entenda: o porco bravo é un animal gregario, que se reproduce e adáptase ben na actualidade, invadindo coa súa presenza lugares nos que non estabamos afeitos a velo durante moitas xeracións. Lugares que por iso consideramos ‘nosos’. De aí que se combata, se cace e tente eliminar, non vaia ser que coma terreo de por si e desprace ós que nos consideramos humanos e polo tanto, ‘o máis do máis’ como ‘reis da creación’. Algo así deberon pensar algunhas persoas fronte ó Xabarín, visto como un programa que estaba facendo pobo, que estaba a deixar pegada en lugares onde o galego xa non se sentía, que se estaba a reproducir e ameazaba co seu éxito á lingua dominante. E o Xabarín foi cazado. Os seus ‘fillos’, algúns, van polo carreiro que marcou; outros, moitas veces sen decatarse, van por unha senda que lles trazan.
Como nota final, pregúntome: e, será necesario traducir o artigo?