En Malpica leu o manifesto o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo.
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a portavoz local, Sabela Fole, fixérono en Cambados
En Viveiro leron o manifesto a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, e a voceira do PP local, Mariña Gueimunde.
MANIFESTO DO PARTIDO POPULAR DE GALICIA
Galicia gaña.
É o momento de xestionar o noso litoral
Galicia non se entende sen a súa costa. Non en van, somos a comunidade autónoma marítima por excelencia, co litoral máis longo de toda España, e dispoñemos dun dos ecosistemas mariño-costeiros máis variados e ricos do mundo. A esta riqueza ambiental súmase unha beleza paisaxística excepcional.
Uns extraordinarios valores ambientais do litoral que deben ser obxecto de especial protección. Estamos a falar de 2.500 quilómetros de costa, 40.000 postos de traballo e 9.000 millóns de euros de actividade económica, o que supón case un 5% do PIB da Comunidade.
Unha costa única no mundo e que Galicia quere e pode xestionar, xa que conta desde hai anos coas competencias de ordenación. Así o recoñece o noso Estatuto de Autonomía, e así o ratificaron o Consello Consultivo e o Tribunal Constitucional.
O Tribunal Constitucional vén de avalar por unanimidade a Lei de ordenación do litoral, unha norma feita por e para Galicia, que aposta por unha xestión integrada desde unha tripla perspectiva: ambiental, social e económica, seguindo o camiño que marca Europa. E que ademais persegue a xestión sostible da nosa costa tanto no ambiental como no socioeconómico, promulgada desde onde mellor se coñece.
Tras este respaldo xudicial, agora é o momento de recuperar os meses perdidos debido ao recurso do Goberno central. Un recurso máis político que xurídico, e que é un claro exemplo da diferenza de trato a Galicia con respecto a outras comunidades, coas que si dialogou e chegou a acordo, como Cataluña, Illas Baleares e o País Vasco.
A sentenza do Alto Tribunal avala que a norma galega é plenamente constitucional, fronte a todos os que a definiron como unha auténtica declaración de independencia. Deixa claro que non é necesario reformar o noso Estatuto e pon de manifesto a pouca altura de miras da oposición galega, BNG e PSOE, que deixaron pasar a oportunidade de apoiar unha norma vital para Galicia e para o seu desenvolvemento, só por buscar rédito político.
Ábrese, neste momento, un tempo novo para Galicia. O tempo de xestionar o noso litoral con todas as garantías e con toda a seguridade. É o momento de aportar seguridade xurídica ás empresas e á cidadanía, e de poñer fin a situacións incomprensibles que tratan de borrar toda presencia humana no litoral.
É a hora de recuperar o tempo perdido e de comezar a aplicar o antes posible a lei, sempre en beneficio de Galicia e do seu futuro. E tamén de esixir ao Goberno central o inmediato traspaso de medios materiais e persoais para que a Xunta poida outorgar as concesións no dominio público marítimo-terrestre.
Galicia merece poder empezar a xestionar a súa costa sen atrancos. Favorecendo o mantemento das vilas litorais que viven do mar, garantindo o desenvolvemento das súas actividades por medio da explotación sostible, equilibrada e responsable dos recursos. Todo isto tendo como base un asesoramento científico sólido e tendo en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais.
Galicia xa o sabía, pero agora xa o sabe todo o mundo: cumprindo cos preceptos establecidos pola Unión Europea, a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral é o mellor para a nosa Comunidade e para o noso futuro.
Como defendemos sempre desde o Partido Popular: Galicia sae gañando. É o momento de xestionar o noso litoral.