Os populares explican que tanto o PSOE como o BNG néganse a poñer en marcha campañas de captación de investimentos a través da busca activa de empresas e emprendedores para o seu asentamento nas 130 parcelas que hai baleiras nos polígonos industriais provinciais
Lugo, 30 de abril de 2024. “Unha vez máis vemos como a preocupación por xerar emprego e riqueza na provincia son palabras baleiras para PSOE e BNG”. Así se expresaba o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, ao remate do pleno de hoxe no que José Tomé e os seus socios de goberno votaron en contra dunha moción do PP para que a Deputación puxese en marcha un plan de impulso dos polígonos industriais da súa titularidade na provincia.
Dende o Grupo Provincial Popular defenderon que “ningunha administración pode facer nada por si soa, polo que se precisa unha colaboración interinstitucional” pero “non é menos certo dende o PSOE e o BNG na Deputación de Lugo están a poñer paos nas rodas” de calquera que quere poñer en marcha unha actividade ou ampliar unha xa existente.
Ameijide explica que son necesarias campañas de captación de investimentos a través da busca activa de empresas e emprendedores para o seu asentamento nos poucos polígonos industriais que José Tomé comprometeu na provincia e se materializaron (hai 29 convenios asinados, pero so 8 polígonos rematados), ademais de medidas que poderían pasar polo estudo de posibles bonificacións do prezo ou outros incentivos para a venda de parcelas.
Durante o debate, o voceiro popular puxo varios exemplos de trabas ao asentamento de empresas na provincia, como é o caso de Altri ou que tanto PSOE como BNG van contra a Lei do Litoral, na que o Tribunal Constitucional vén de dar á razón á Xunta de Galicia. “Se por eles fora, habería que pechar e derrubar todas as empresas que hai xa nas costas galegas”, sentenciou.
Ademais, “como é lóxico” tamén defendíamos que a Deputación de Lugo construíse os polígonos industriais comprometidos nos diferentes concellos da provincia.
DEFENSA DOS TRABALLADORES DO SECTOR DA LIMPEZA
Dende o Grupo Popular valoraron positivamente a unanimidade acadada para que a Deputación de Lugo estudase as posibilidades legais e convencionais de aprobar un convenio propio do sector da limpeza da Deputación Provincial de Lugo, algo que se aprobou no pleno do mes de marzo no Concello de Lugo, tamén a instancias do Partido Popular.
Os populares destacan a importancia deste acordo para poñer en valor os dereitos laborais dos traballadores deste sector que realizan un labor fundamental para garantir a seguridade e hixiene dos espazos públicos. “Damos un paso máis na defensa destes traballadores despois de que hai uns días, e tamén a iniciativa do PP, no Concello de Lugo aprobábase tamén por unanimidade unha para estudar que o persoal das empresas que se encargan da Iimpeza dos edificios municipais conten cun convenio propio”, destacou.
MARCHA DO CRAEGA DE MONFORTE
Antonio Ameijide tamén valorou a postura tomada polo Grupo Provincial do PSOE que, de dúas mocións que puideron rexistrar no pleno unicamente optaron por unha e “non era en prol do beneficio da provincia e dos lucenses”.
Os deputados socialistas defenderon unha iniciativa coa que pretendían que o voceiro provincial popular pedise desculpas por “traballar en beneficio dos veciños da provincia e de Monforte para evitar que o CRAEGA marchase da cidade do Cabe”.
“É unha mágoa ver como o ego comeu á persoa e ao político e, en lugar de defender os intereses xerais de todos os veciños de Lugo, José Tomé unicamente preocúpase por defender a súa imaxe persoal e a mostra é esta iniciativa que hoxe defenderon”, concluíu.